O G. M. Socialista de Burela, a través da súa concelleira, Lucía Bouza, ven de presentar unha moción para o seu debate no próximo pleno. Esta moción ven a solicitar o apoio dos grupos políticos con representación municipal para un documento que o C. C. Buril presentou hai xa uns meses ante a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia solicitando a declaración de Ben de Interese Cultural para a Igrexa da Vila do Medio e as pinturas murais que alberga no seu interior. O Colectivo reuniuse con todos os grupos políticos para presentarnos o traballo e solicitar colaboración para debatir e aprobar unanimemente en pleno un documento de apoio a esa solicitude. E iso foi todo o que nos pediron.
Mais o goberno do Partido Popular decidiu non apoiar a petición do Colectivo nese momento alegando que quería saber primeiro cal era o estatus legal das pinturas posto que, segundo as palabras do Alcalde, hai xa moitos anos fixérase algo ao respecto e non sabían que pasara exactamente, polo que quería investigar o tema.
Dende o PSdeG-PSOE, preferiríamos que este apoio non se fixera mediante moción, senón que o ideal sería facer unha proposta de todos os concelleiros do Pleno (tal e como Buril propoñía) mais, como aínda non sabemos o froito que deron estas investigacións, e como sabemos que a Lei do patrimonio cultural de Galicia é clara ao respecto, posto que hai un artigo que fala da caducidade dos expedientes, decidimos presentar esta moción. Facémolo tamén por responsabilidade, posto que compartimos as ideas do Buril manifestadas no texto mencionado xa e que di que “as pinturas murais da Igrexa da Vila do Medio constitúen unha obra de grande importancia histórica, artística e patrimonial, non só para Burela, senón para a arte galega en xeral. Estas pinturas veñen padecendo un importante proceso de deterioro desde que foron descubertas a principios dos anos 70 do pasado século, presentando actualmente un estado de conservación que urxe unha rápida actuación para garantir a súa preservación ao longo do tempo, así como para a súa posta en valor como parte fundamental da nosa historia artística e cultural”.
Por todo isto, dende o G. M. Socialista, solicitan que se aproben os acordos que Buril propuxo a todos os grupos no seu texto:
1. O Pleno do Concello de Burela, reunido en sesión ordinaria, apoia unanimemente a petición de declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) en calidade de monumento para a Igrexa da Vila do Medio e para as pinturas murais conservadas no seu interior; petición que foi realizada ante a Consellería de Cultura polo Colectivo Cultural Buril, asociación cultural sen ánimo de lucro que desenvolve a súa actividade en Burela e que ten entre os seus fins a promoción e difusión da cultura galega en calquera das súas manifestacións.
2. A Corporación Municipal de Burela apoia a petición realizada polo Colectivo Cultural Buril, baseándose no feito de que as pinturas murais desta igrexa posúen un grande interese histórico-artístico no conxunto do patrimonio cultural galego e porque, ademais disto, sufriron un importante deterioro nos derradeiros anos, polo que a súa protección é moi urxente, sendo a declaración de BIC o primeiro paso para que as pinturas acaden a debida protección.