A catástrofe vivida no Monte Pindo matou miles de animais e vexetais, pero tamén espertou miles de conciencias de galegas e galegos que non se resignan a asistir impasíbeis ante a destrución do medio ambiente e rural que nos fai ser o que somos, e polo cambio radical das políticas que nos levaron a que o lume e o abandono do monte sexa unha constante da nosa paisaxe xeográfica e vital.
Á convocatoria desesperada lanzada pola Asociación Monte Pindo Parque Natural a tarde do día 12 de setembro, chamando a manifestarse este domingo 6 de outubro a partir das 12:00 horas na Alameda(Compostela), xa veñen de sumarse ata o momento unhas 80 entidades sociais (e medrando) de todo o País, e outras moitas teñen anunciado a súa intención de sumarse pero non puideron posicionar con antelación o seu apoio colexiado por falta de tempo para reunirse.
Esta manifestación horizontal, cuxo manifesto e lema foron consensuados nunha reunión aberta a todas as entidades sociais no que xa participaran unha vintena de colectivos, xa non é exclusiva do Monte Pindo senón de todas e todos os galegos con conciencia polos problemas que vive o seu territorio e que están dispostos a pasar do dito aos feitos para esixir solucións.
Manifesto “Por unha Galiza sen lumes. Por un rural con futuro”
O día 11 de setembro declarouse un incendio intencionado que destruíu por completo o Monte Pindo, o Olimpo Celta e monte sacro dos nosos antergos, puxo en perigo vidas e fogares, acabou con explotacións agrogandeiras, e fixo inútil o inxente esforzo de extinción. Este é o paradigma de que os incendios non só teñen a súa orixe no misto que o prende senón en anos e anos de desleixo e políticas desenfocadas, pois non só estamos ante a perda ecolóxica dun dos montes máis emblemáticos do País, senón ante o silencio cómplice dunha administración que desouvíu o berro dos milleiros de galegas e galegos que levamos anos esixíndolle á Xunta medidas efectivas de prevención mediante a declaración do Monte Pindo coma Parque Natural. É esta a única figura de protección que permite a participación directa da sociedade na xestión do espazo e compromete un orzamento anual para protexelo e poñelo en valor. Esta decisión que dependía da vontade do conselleiro, Agustín Hernández, foi sistematicamente ignorada, provocando que todo polo que levamos tres anos loitando e traballando sexa hoxe un inmenso deserto de cinsa de case 2.500 hectáreas, co gasto inútil de millóns de euros públicos na extinción que nunha mínima parte terían permitido atallar a traxedia.
A catástrofe do Monte Pindo certificou o absoluto fracaso dunha política ambiental e de montes que desatendeu por completo a prevención dos lumes nos espazos naturais, rexeitou avances en materia de ordenación, multifuncionalidade, fomento de actividades tradicionais e especies autóctonas, para centrarse en entregar o noso territorio a intereses especulativos e empresas contaminantes, sen esquecer á gran industria pasteiro-enerxética que inzou os nosos montes de pirófitas coma o eucalipto e de paso estragou a Ría de Pontevedra, impedindo o desenvolvemento forestal e marisqueiro substentábel. Vítimas destas políticas caeron xa o Monte Pindo, as Fragas do Eume, o Xistral, o Macizo Central, Xurés, Courel, A Limia, Corcoesto…, e ducias de espazos naturais valiosísimos que foron estragados impunemente causando ademais moitos problemas á veciñanza desde espazos porque os intereses do goberno galego son distintos aos intereses dos galegos e galegas.
Dáse ademais a circunstancia de que o actual executivo decidiu agrupar na mesma área as competencias en infraestruturas, urbanismo e medio ambiente, co que dende o primeiro momento a natureza ficou supeditada aos proxectos mal chamados estratéxicos e aos intereses espúreos e coloniais de quen só lles interesa o lucro e non a terra e os seus habitantes.
Unha Xunta que se parapeta agora detrás dos pirómanos, para agochar as súas miserias e negar que unha neglixente xestión do monte ten grande parte da culpa de que o lume se converta nun perpetuo elemento da nosa paisaxe xeográfica e vital. Unha Xunta que ten a desvergoña de afirmar que un espazo natural arde con protección ou sen ela, mentres desmantela os servizos públicos de prevención e extinción de incendios. Unha Xunta que ignora deliberadamente que o monte que arde é aquel improdutivo para a súa veciñanza, o que leva irremediabelmente ao abandono das actividades tradicionais e a picar no engado envelenado dos especuladores sen escrúpulos que chegan cos seus proxectos enerxéticos, mineiros, urbanísticos… buscando un rápido lucro e deixando contaminación e pobreza.
A cidadanía galega e as entidades abaixo asinantes, confluiremos o 6 de outubro en Compostela para amosar o noso rexeitamento frontal a esta xestión suicida que ameaza con incendiar o País e reducir a cinsas o futuro dos nosos fillos e fillas. Portanto, ESIXIMOS:
Que a Xunta comprometa a protección efectiva dos espazos naturais galegos mediante a dotación dos recursos precisos para a súa conservación e o seu desenvolvemento sustentábel, de xeito que a protección incida na mellora das condicións de vida da súa veciñanza e que a sociedade valore ese patrimonio como unha oportunidade de futuro e non como un atranco.
Que a Xunta dispoña as medidas e realice os esforzos precisos para coidar dos nosos montes durante todo o ano, primando a prevención sobre a extinción e sobre todo, apoiando as explotacións agrogandeiras existentes, promovendo a creación de novas, e investindo en iniciativas sustentábeis que permitan fixar poboación e recuperar os vencellos dos habitantes co seu medio natural.
Que a Xunta modifique radicalmente as súas políticas de xestión do monte, nomeadamente a Lei de Montes e o Plano Forestal, para abandonar os monocultivos de especies pirófitas e substituilos por especies autóctonas e outros aproveitamentos que visen a multifuncionalidade de usos e o respecto á función ecolóxica, cultural e social do monte.
Que a Xunta remate coas políticas agresivas no eido ambiental, económico e social (Lei de Montes, Lei de Industria, Plano da Minaría, Plano Acuícola, Decreto da Biomasa…) que están a provocar o abandono do mundo rural e das actividades tradicionais no medio natural, entregándoo a especuladores e contaminadores.
Que a Xunta recupere e dé pulo a aquelas iniciativas que visaban unha participación activa da sociedade na xestión sustentábel do seu territorio e dos seus montes, como as Unidades de Xestión Forestal (UXFOR), o Banco de Terras (BANTEGAL) ou Voluntariado Galego en Defensa do Monte, entre outros proxectos que Núñez Feijóo desmontou nada máis chegar ao goberno, cando cambiou a mangueira de xardín polas tesoiras de podar.
Que a Xunta tome dunha vez en serio ao noso medio natural, prestándolle a atención que merece, e que deixe de ser un mero apéndice para a especulación e a desfeita do cemento e o asfalto. Porque contrariamente ao dito por Samuel Juárez, ex-conselleiro de Medio Rural e actual delegado do goberno, o mundo rural sí ten futuro. Esiximos tamén a inmediata demisión dos titulares de Medio Ambiente, Agustín Hernández e de Medio Rural, Rosa Quintana, por seren os irresponsábeis máximos do exterminio do medio natural e rural, e amosaren a súa absoluta incompetencia para xestionar un patrimonio do que se avergoñan e nen seguera son dignos.Este día o pobo galego está a falar, e dixo ben claro que non nos resignamos a ver como este goberno fica impasíbel cando non é directamente cómplice da destrución dun territorio que deberían coidar como unha nai, a nosa Matria que nos fixo ser tal e como somos hoxe.
CONVOCA: ASOCIACIÓN MONTE PINDO PARQUE NATURAL
Listado de apoios:
A RÍA NON SE VENDE
ADEGA – ASOCIACIÓN PARA DEFENSA ECOLÓXICA DE GALIZA
ALTERNATIVA GALEGA DE ESQUERDA
AMIGOS DA TERRA
ANOVA
ASEMBLEA NACIONAL DA GALIZA CONTRA OS INCENDIOS
ASOCIACIÓN A COVA DA TERRA DE LUGO
ASOCIACIÓN ANIMALISTA LIBERA
ASOCIACIÓN CULTURAL ALMUINHA
ASOCIACION CULTURAL AS SAGHIEIRAS DE LARIÑO
ASOCIACIÓN CULTURAL O GALO
ASOCIACIÓN CULTURAL ROXIN ROXAL
ASOCIACIÓN DE EDUCACIÓN AMBIENTAL PAPAVENTOS
ASOCIACIÓN DE ESCRITORES EN LINGUA GALEGA
ASOCIACION DE MEDIOS EN GALEGO
ASOCIACIÓN ECOLOXISTA A GROBA
ASOCIACIÓN ECOLOXISTA ARCO IRIS
ASOCIACIÓN ECOLOXISTA COTO DO FRADE
ASOCIACIÓN ECOLOXISTA NATURVIVA
ASOCIACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO RURAL SOSTIBLE O GRELO VERDE
ASOCIACION POLA DEFENSA DA RIA DE PONTEVEDRA
ASOCIACIÓN PROFESIONAL DO PERSOAL LABORAL DO S.P.D.C.I.F.
ASOCIACIÓN SOCIOCULTURAL O IRIBIO
ASOCIACIÓN TREZE CATORZE
ASOCIACION VECIÑAL DO SAVIÑAO
ASOCIACIÓN VECIÑAL OZA GAITEIRA OS CASTROS
ASOCIACIÓN XUVENIL PARA O ESTUDO DA NATUREZA
ASOCIAICÓN ECOLOXISTA E CULTURAL VERBO XIDO
BAÍA EDICIÓNS
BLOQUE NACIONALISTA GALEGO
CLUB DE SENDEIRISMO VIA LACTEA
COLECTIVO NACIONALISTA DE MARÍN
COMITÉ DE DEFENSA DO MONTE GALEGO
COMITÉS ABERTOS
COMUNIDADE DE MONTES DE CALDEBARCOS
CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA
CONTRAMINATE
COOPERATIVA DE AGRICULTURA ECOLÓXICA RAINHA LUPA DE QUILMAS
EQUO GALICIA
ESCOLA DE VELA CATAVENTOS
FEDERACIÓN ECOLOXISTA GALEGA
FEDERACIÓN RURAL GALEGA
FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN
FUNDACIÓN GONZALO LÓPEZ ABENTE
FUNDACIÓN MANUEL MARÍA DE ESTUDOS GALEGOS
GALIZA NON SE VENDE
GALIZA NOVA
GENTALHA DO PICHEL
GREENPEACE GALICIA
GRUPO DE ESTUDO DOS ANIMAIS SALVAXES
GRUPO ECOLOXISTA XEVALE
INMOCHALET
MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES
ORGANIZACIÓN GALEGA DE COMUNIDADES DE MONTES VECIÑAIS EN MAN COMUN
PARTIDO DA TERRA
PARTIDO DOS SOCIALISTAS DE GALICIA
PLATAFORMA EN DEFENSA DO SERVIZO PÚBLICO DE PREVENCIÓN DE INCENDIOS
PLATAFORMA EN DEFENSA DOS MONTES DO MORRAZO
PLATAFORMA NAVARRA EN DEFENSA DE LOS RÍOS
PLATAFORMA PARA A DEFENSA DAS FRAGAS DO EUME
PLATAFORMA POLA DEFENSA DE CORCOESTO E BERGANTIÑOS
PLATAFORMA POLA PROTECCIÓN DA SERRA DO GALIÑEIRO
QUEREMOS GALEGO
QUINCE EME DA RÍA
REDE CONTRAMINACCIÓN
SALVEMOS MONTEFERRO
SINDICATO LABREGO GALEGO – COMISIÓNS LABREGAS
SOCIEDADE COOPERATIVA GALEGA MONTE CABALAR (PRESIDENCIA)
SOCIEDADE DE MONTAÑA ÁRTABROS
SOCIEDADE GALEGA DE HISTORIA NATURAL
SOCIEDADE GALEGA DE ORNITOLOXIA
SOS COUREL
TOMA LA TIERRA
UNIVERSIDADE CROMATICA DAS VIRTUDES
UNIVERSIDADE POPULAR DE CORCUBION
VERDEGAIA
XUVENTUDES COMUNISTAS DE GALICIA
XUVENTUDES SOCIALISTAS