Lugo, 29 de novembro de 2013.- O secretario do Parlamento de Galicia e deputado autonómico, Jose Manuel Balseiro destacou este venres o compromiso da Xunta de Galicia coa atención de calidade aos enfermos de alzhéimer na Mariña lucense e quixo poñer en valor todos os esforzos dirixidos a abordar esta enfermidade que, “ademais de aos nosos maiores, afecta tamén ás súas familias e achegados e, polo tanto, fronte a que é preciso o esforzo de todos para loitar contra ela”.
Balseiro valorou moi positivamente que a Xunta de Galicia veña de anunciar un investimento de 866.151,24 euros para a contratación da xestión, en réxime de concesión, dos servizos complementarios de atención diúrna e programas comunitarios para persoas que sofren alzheimer e outras enfermidades neurodexenerativas, un apoio económico que se orzamenta de xeito conxunto para os centros de Celeiro e O Porriño.
O parlamentario popular explicou que o primeiro dos servizos, os programas de apoio comunitario, é aquel que ten por obxectivo manter as habilidades, os coñecemento e as condutas que aínda posúen as persoas afectadas, empregado técnicas dirixidas ao adestramento nas actividades da vida diaria, así como as que teñen como finalidade a orientación á realidade, a estimulación cognitiva, a terapia ocupacional, a atención psicolóxica ás persoas usuarias e aos seus familiares, a logopedia e as actividades de ocio e tempo libre.
Por outra banda a prestación de atención diúrna, que a Xunta apoia a través desta concesión, supón dotar ao centro daqueles equipamentos que proporcionarán un servizo multidisciplinar de atención especializada ás persoas que teñen diagnosticada esta enfermidade: desde a elaboración dun programa individual de atención, ata a avaliación da necesidade e intensidade dos apoios, dirixidos todos eles para –en réxime diúrno- desenvolver as actuacións necesaris para acadar e manter a saúde do enfermo, a súa autonomía persoal –no grado que sexa posible- e integración social.
As entidades e empresas interesadas en prestar estes servizos poderán presentar as súas ofertas nos próximos quince días naturais e despois será a Xunta quen, avaliando a intensidade e calidade dos programas propostos resolva a concesión.