Santiago, 18 de febreiro de 2014.- “O acordo para a pesca da xarda é o máis positivo que se pode acadar” e como proba disto é a súa aceptación polo sector. Así o indicou esta tarde na Comisión 8ª do Parlamento o secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, en resposta a unha pregunta sobre esta cuestión.
Juan Maneiro destacou que con este acordo “podemos pescar xarda no seu período de migración diante das nosas costas e porque asegura unha parte importante das cotas españolas de xurelo”.
Lembrou que “desde a administración galega e desde hai xa varios anos buscamos un criterio de xestión e ordenación das pesqueiras que nos permitise acadar ese fin: poder pescar e ter en conta a nosa configuración da flota baseándonos en que o criterio de reparto responde a fundamentos legais firmes”.
O secretario xeral do Mar insistiu en que o “sustento do reparto viña afirmado polo sector e pola súa opinión. Seguíronse os criterios que aceptou o sector e, así, os oito representantes do cerco que foron a Madrid o 20 de decembro viñeron convencidos de que era un acordo netamente positivo”.
Juan Maneiro defendeu o actual modelo de xestión e negou que esteamos ante unha imposición unilateral do Ministerio. Neste sentido, indicou que “imos poder pescar xarda en Galicia. Toda a flota e cando estime que é mellor para os seus intereses”. Tamén, que “imos ter un 24,08% da cota fronte ao 21% que viñamos pescando nestes últimos anos”. E, por último, que “poderemos adecuar a actividade á cota e non estaremos obrigados a pescar por vernos no risco de quedar sen ela”.
En todo caso, o secretario xeral do Mar puntualizou que “o que non queremos é incorrer en sobrepesca e que despois as sancións nos leven outra tanta xarda como pode pescar todo o cerco do Cantábrico nun ano”.
Punta Langosteira
Por outra banda, Juan Maneiro manifestou, en resposta a unha pregunta sobre o tema, que a posible utilización da zona de Punta Langosteira para actividades extractivas ou de acuicultura pasará necesariamente por un proceso administrativo baseado na publicidade e na concorrencia. En todo caso, afirmou, trátase dunha zona de dominio público marítimo portuario dependente da Autoridade Portuaria da Coruña, que é o organismo encargado da súa xestión de xeito exclusivo.
Por iso, o secretario xeral do Mar puntualizou que á Xunta non lle consta que exista intención, por parte da Autoridade Portuaria, de excluír aos percebeiros desta zona da explotación dos recursos, toda vez que calquera ocupación do dominio público portuario pasaría por un proceso de publicidade e concorrencia, un concurso público, ao que perfectamente poderían presentarse ben as propias confrarías ben os percebeiros asociados nalgunha figura asociativa legalmente establecida. Engadiu que a Consellería do Medio Rural e do Mar “apoiará calquera iniciativa que tente obter o máximo aproveitamento da zona en cuestión, indo máis aló da mera actividade extractiva e que introduza elementos de xestión sustentable e de incrementos da produción máis aló da mera captación natural”.