O sábado 1 de febreiro, organizadas pola Delegación de Cultura do Concello, iniciáronse en Alfoz as Primeiras Olimpíadas Interparroquiais, celebrándose a Proba Cultural.
O público encheu o Salón de Actos da Casa da Cultura de Alfoz que contou con Antonio Jesús Lorenzo “Cachín” e Leni Níñez coma mestres de cerimonias. Un Xurado formado por profesores do Instituto Alfoz-Valadouro (Gonzalo Alonso, Pilar Díaz e Paz Quiroga) foi o encargado de dilucidar as dúbidas e decidir sobre a validez das respostas.
Oito equipos, representativos das 9 parroquias do concello -xa que O Pereiro e Oiras competiron no mesmo equipo- participaron con tres xogadores cada un. Os concursantes levaron a cabo tres probas culturais: dúas preguntas nun formato semellante ó do famoso concurso televisivo “Un dous tres”; seis preguntas de diversas materias culturais ó estilo do famoso xogo “Trivial” e dúas sesións de 10 palabras cada unha do xogo “Scrabble”.
A parroquia de Lagoa resultou ser, finalmente, a vencedora desta proba cultural, dominando en dúas das probas (o “Un dous tres” e o “Scrabble”). A clasificación desta primeira xornada das Olimpíadas, na Proba Cultural, foi a seguinte:
1. Lagoa. 195 puntos.
2. Bacoi. 171 puntos.
3. Reirado. 167 puntos.
4. Adelán. 163 puntos.
5. Mor. 156 puntos.
6. O Castro. 152 puntos.
7. Carballido. 128 puntos.
8. Oiras-Pereiro. 77 puntos.
As Olimpíadas continuarán o vindeiro sábado, día 8, no pavillón municipal, coa proba de fútbol sala.