Lugo, 6 de febreiro de 2014.- A Consellería do Medio Rural e do Mar distribuíu 132.720 euros entre as confrarías de pescadores da Mariña lucense para a realización de proxectos colectivos, para a xestión de zonas de produción, conservación, protección e sustentabilidade da explotación dos recursos mariños.
En concreto, recibiron estas axudas as confrarías de Burela, O Vicedo, San Cibrao, Ribadeo e Celeiro, co obxectivo de que sirvan para desenvolver iniciativas que melloren as condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a esta actividade e que contribúen á conservación do medio mariño e as súas especies.
Esta liña de axudas permite apoiar, entre outros aspectos, a xestión de zonas de produción para a implantación de técnicas de semicultivo, a elaboración de plans de explotación e de proxectos de rexeneración. Tamén a conservación, protección e sustentabilidade da explotación dos recursos mariños mediante operacións de salvagarda e das especies ou o seguimento específico de actuacións de ámbito autonómico implementadas pola Administración que requiran dun proxecto colectivo para mellorar a súa eficacia.
As confrarías lucenses optaron ás axudas para sufragar proxectos de asistencia técnica ou ben para costear os servizos de vixilancia. Así, O Vicedo e Ribadeo presentaron proxectos de xestión, mentres que as demais optaron por iniciativas de conservación e, en concreto, por reforzar o control de acceso aos recursos pesqueiros.