Santiago, 8 de maio de 2014.- O deputado do Grupo Popular Gonzalo Trenor asegura que a Xunta de Galicia está dando pleno cumprimento ao acordo do Parlamento do pasado mes de decembro impulsando iniciativas e ferramentas para procurar a viabilidade da Cerámica de Sargadelos en Cervo e Cerámica O Castro en Sada. Neste sentido, animou a outras administracións, como a Deputación de Lugo, “a que contribúan activamente na viabilidade económica do grupo Sargadelos”, polo que demandou ao Grupo Socialista que “traslade a súa sensibilidade con esta empresa ao Goberno provincial”.
Gonzalo Trenor manifestou que “Sargadelos é moito máis que unha empresa, é moito máis que un proxecto industrial, porque é unha enseña cultural da identidade do noso país”. Por este motivo, salientou que “a Xunta se ten involucrado activamente na busca de solucións para a empresa, xa que foi a única institución que apoiou economicamente á empresa, a través dun préstamo participativo de 950.000 euros en 2011 e cerca de 400.000 euros a través de subvencións do IGAPE”.
APOIO DOUTRAS ADMINISTRACIÓNS
“É unha mágoa que outras administracións, como a Deputación de Lugo, non contribúan tamén activamente na viabilidade económica do grupo Sargadelos”, lamentou o deputado popular, quen demandou ao Grupo Socialista que “traslade a súa sensibilidade con Sargadelos ao Goberno provincial para que tamén apoie economicamente a esta empresa”.
Gonzalo Trenor afirmou que desde o Partido Popular “estivemos a carón dos traballadores desde o primeiro momento, que sofren unha difícil situación que pon en risco a continuidade do propio proxecto empresarial”. Proba deste compromiso, citou o acordo unánime aprobado no Pleno do Parlamento o pasado 11 de decembro en defensa da continuidade da empresa e do emprego e que segue plenamente vixente, polo que “a proposta que hoxe traen a esta Comisión os socialistas non supón avance algún, porque instan á Xunta a que faga o que xa está a facer”.
PLAN DE VIABILIDADE
O deputado popular explicou que a responsabilidade de impulsar un plan de actuacións que asegure a viabilidade futura da compañía Sargadelos corresponde á propia empresa e non á Xunta. Na actualidade existe un plan de viabilidade e a compañía conta cun novo xerente encargado de acometer as accións encamiñadas a garantir o futuro de Sargadelos.
“A Xunta de Galicia e o Partido Popular temos o máximo interese en conseguir que Sargadelos siga a ser un referente cultural de Galicia, que siga a desenvolver a actividade económica que lle dou proxección internacional e que manteña os postos de traballo en Galicia”.