Cervo, 25 de xuño de 2014- O Concello de Cervo deu a coñecer hoxe os detalles e o cartel das Noites Alternativas que se desenvolverán nos meses de xullo e agosto. Un acto no que estivo presente o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o edil de Deportes, Luis Guillén, e a representante da área de Deporte de IG10, María Gómez.
Un programa que inclúe ata sete disciplinas para diferentes idades co que a administración local pretende “sacar o deporte ao aire libre aproveitando a época estival e fomentando a actividade nas rúas e, da mesma maneira, colaborando coa hostalería, que se pode beneficiar da participación de decenas de persoas así como da multitude de público que se achega” asegura Guillén.
Cabe lembrar que as Noites Alternativas veñen rexistrando índices elevados de participación, de forma que o ano pasado chegaron a inscribirse máis de 500 persoas. Nesta nova edición, o Concello quixo manter as mesmas disciplinas que o ano pasado despois de comprobar o seu éxito.
Así, nenos e adultos poderán participar en torneos de fútbol praia e volei praia (na praia do Torno), torneos de fútbol sala 3×3 e baloncesto 3×3 (na Praza dos Campos), de pádel (na pista do polígono de Cuíña) así como outras actividades lúdicas como a Noite dos Patíns ou a de Orientación (Praza dos Campos).
Da mesma maneira, as actividades dividiranse por idades, nas categorías sub 10, sub 12, sub 15, sub 17 e sénior. En canto ao horario, será entre as 22 e as 00:30 h. e a inscrición realízase o primeiro día de cada actividade, antes de comezar. Para máis información poden chamar ao 636 50 41 55.
“Un programa co que fomentar a práctica do deporte tamén no verán, máis alá das actividades que ofertamos durante o curso escolar ou das temporadas deportivas a través dunha opción atractiva para o tempo libre”, remata Guillén.
CALENDARIO:
Fútbol praia: 8, 9 e 10 de xullo
Voleibol praia: 22 e 23 de xullo
Noite do Patín: 24 de xullo
Fútbol sala 3×3: 29, 30 e 31 de xullo
Baloncesto 3×3: 5, 6 e 7 de agosto
Noite de Orientación: 19 de agosto
Pádel: 20 e 21 de agosto