Ribadeo, 13 de agosto de 2014. A sección de vento-madeira da Banda Municipal de Música de Ribadeo e o grupo Ribadeo Clarinet Connection actuarán este xoves 14 de agosto, a partir das 23:00 horas, na Praza 8 de Marzo, situada detrás do Cine Teatro. Forma parte dunha serie de concertos que, baixo a denominación Agosto Musical 2014, se iniciaron o pasado 8 de agosto e mediante os cales a asociación Amadores da Música pretende amosar e promover o traballo dos membros da Banda agrupados por seccións instrumentais.
O director da Banda de Música Municipal de Ribadeo, David Ballester, explicou que “mañá ás once da noite vai ter lugar un concerto da sección de vento madeira da Banda de Música Municipal de Ribadeo. Nel ensinaremos todo o que se traballa na nosa banda e como tocan os rapaces que forman parte dela. Primeiro faremos un pouco de música por seccións. Tocarán de maneira independente as frautas, os saxos e os clarinetes cun grupo que saíu da propia banda. E, xa despois, remataremos tocando todos xuntos obras de distintos estilos, variadas, con arranxos feitos para ocasións como esta, xa que non hai moito material composto para este tipo de grupos”.
Ballester recordou que este concerto forma parte dun ciclo iniciado o pasado día 8 de agosto: “ esperamos que a xente responda porque xa houbo un concerto o día 8 de percusión e a semana que ven, o vindeiro 21 de agosto, haberá outro da sección de vento-metal na Praza de Abaixo, detrás do Cantón”, afirmou. O director da Banda Municipal explicou que “todo isto facémolo para mostrar coma funciona a Banda e como traballan os rapaces, pero tamén para dar a coñecer estes músicos á xente.”
O responsable da Banda de Ribadeo adiantou que “como punto final a toda esta serie de concertos o día 29 terá lugar no Parque de San Francisco un concerto baseado todo en música de cine. Este irá acompañado, como non, de proxeccións de imaxes daquelas películas das que tocaremos as súas bandas sonoras”.