Vanesa Míguez, a representante da Mariña nos “Recantos” do Luar da TVG, afronta na noite do venres, día 2 de xaneiro, a actuación que lle pode abrir o paso á terceira fase do coñecido concurso televisivo.
Antes da actuación, a través da pantalla poderemos contemplar uns vídeos de apoio, realizados por un equipo da TVG e que están protagonizados pola Fundación Eu Son de Burela e por veciñas e veciños da parroquia da Rigueira, en Xove.
Seguidamente, Vanesa Míguez interpretará a súa versión de “Doce Cascabeis”, a coñecida canción do galego Ricardo Freire González (São Paulo, 1928), que foi interpretada por artistas tan dispares como Joselito, Manolo Escobar, Marisol e Amália Rodrigues.
Nesta nova cita a concursante da Mariña necesitará de novo o apoio do público. Na primeira das fases Vanesa Míguez obtivo o apoio do 70% da audiencia (7 puntos dun total de 10), mais nesta ocasión aventúrase que a competencia aínda será maior.
Recordamos que a audiencia pode participar votando un total de cinco veces por número de teléfono, a través do contacto que se proporciona no propio programa Luar (988 600 681) despois da súa intervención. Ao ser un teléfono de liña fixa, para quen teña tarifa plana as chamadas son totalmente gratuítas.