Lugo, 23 de xaneiro de 2015. Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, comunicada este xoves á Deputación de Lugo, considera unha obriga legal da Xunta o cofinanciamento dos servizos sociais básicos nos Concellos de menos de 20.000 habitantes, polo que cuestiona do Decreto de Servizos Sociais aprobado polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo no ano 2012 e polo cal se desentendeu de aportar fondos para servizos sociais na maioría de concellos da provincia de Lugo.
Esta actitude “irresponsable” por parte da Xunta obrigou á Area de Benestar Social da Deputación a suplir con fondos da Deputación os cartos que antes poñía a Xunta “para non deixar tirados á meirande parte dos cidadáns da provincia de Lugo en materia de servizos sociais”, afirmou esta mañá en rolda de prensa o vicepresidente da Deputación e responsable da área de Benestar Social, o nacionalista Antonio Veiga, que deu a coñecer a sentenza.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza afirma que “existen serias dúbidas de dereito” en relación ao Decreto 99/2012 de Servizos Sociais aprobado pola Xunta de Galiza e que “adolece dunha imperfección técnica en canto a grado de precisión que impide a súa aplicación automática”, polo que insta á Xunta a “modificalo para precisar o reparto de responsabilidades de cofinanciación”. Mentras tanto, a sentenza do Alto Tribunal galego considera necesario que a Xunta asine Convenios de colaboración coas distintas Deputacións de cara a cofinanciar entre ámbalas dúas administracións os servizos sociais básicos nos concellos de menos de 20.000 habitantes.
A sentenza afectaría á maioría dos 67 Concellos da provincia de Lugo, agás á cidade de Lugo e vilas coma Monforte, Sarria ou Vilalba, que superan os 20.000 habitantes. Antonio Veiga afirma que “a sentenza ven a dicir que o decreto 99/2012 de Servizos Sociais aprobado pola Xunta é unha auténtica chapuza”, sentenciou.
Reclamación das cantidades non aportadas pola Xunta desde 2012
O Tribunal Superior de Xustiza dá a razón deste xeito á Deputación de Lugo, posto que considera que a Xunta de Galicia ten que cofinanciar os servizos sociais nos Concellos de menos de 20.000 habitantes. Así o manifesta en reiteradas ocasións na sentenza. Por este motivo, a Deputación está a estudar os posibles mecanismos legais para reclamar á Xunta os cartos que adebeda aos lucenses dende 2012.
Segundo avanzaron tanto o vicepresidente nacionalista, Antonio Veiga, como o voceiro socialista, Manuel Martínez, esta mañá na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, a Deputación de Lugo estuda presentar novas accións legais porque “agora haberá que aclarar canto tiña que ter aportado a Xunta desde o 2012 para servizos sociais na provincia de Lugo”, insistiron. “Son cartos que Feijóo debe aos lucenses e ás lucenses, porque non son cartos para a Deputación de Lugo, senón cartos para servizos sociais nos concellos da provincia de Lugo”, dixo Antonio Veiga, mentras Martínez insistía en preguntar, a raíz da sentenza, “onde están os cartos da Xunta para servizos sociais de 2012, 2013, 2014 e 2015?”
A Deputación incrementou un 30% os fondos sociais para suplir o que non pon a Xunta
O responsable da área de Benestar da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, explicou que a institución provincial tivo que poñer este ano un 30% máis para Benestar social nos seus Orzamentos para “suplir o que a Xunta tiña que poñer e non pon”. Puxo como exemplo o servizo de axuda no fogar, para o que a Deputación aporta en solitario 700.000 euros.
Veiga fixo fincapé en que “as necesidades sociais aumentan e máis nestes tempos de crise”, polo que “os recortes da Xunta do señor Feijóo afectarían a moitos cidadáns e cidadás da provincia de Lugo se non fose pola Deputación, que incrementou este ano os seus Orzamentos para servizos sociais de 3,4 a 4,5 millóns de euros.
Dentro das partidas destinadas a Benestar Social destaca a dirixida a Prestación de servizos a persoas dependentes e asistencia social, que alcalza practicamente os 3 millóns de euros, destinados a manter servizos como o de Axuda no Fogar (700.000 euros) e Teleasistencia (350.000 euros), así como 900.000 euros para a construción e posta en marcha de 6 residencias de maiores en toda a provincia: Ribadeo, Castroverde, Trabada, Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro e Pol.
Feijóo asinou convenios con todas as Deputacións agás a de Lugo
O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, lembrou, pola súa banda, que “Feijóo negouse a asinar un convenio coa Deputación de Lugo, que si asinou coas restantes Deputacións galegas, para financiar os servizos sociais na provincia luguesa. Todo isto, a pesares das reiteradas reclamacións que lle fixemos desde 2012, e de ata redactarlle un borrador de convenio, que por suposto lle enviamos, sen obter resposta algunha. Fíxense, mentres a Xunta de Feijóo non concedeu nin un só euro aos lucenses para servizos sociais nos últimos 4 anos, o Goberno galego do PP achegou en 2012 e 2013 preto de 25 millóns de euros aos veciños de Pontevedra, A Coruña e Ourense a través dos convenios que si asinou coas Deputacións destas provincias. Vamos a esixir, unha vez máis, a Feijóo que asine coa Deputación de Lugo o convenio de servizos sociais. Feijóo non pode seguir discriminando aos lucenses como fai con Radioterapia, Hemodinámica as 24 horas e Medicina Nuclear”, argumentou.
“A Deputación de Lugo nunca se negou a recibir unha competencia máis da Xunta de Galicia. O que sempre reclamou foi o financiamento para poder facelo. Hai que ter en conta que o organismo provincial lugués ten un orzamento máis de 100 veces inferior ao da Xunta de Galicia”, comparou Martínez.
Pese a darlle a razón á Deputación nos seus argumentos, o TSXG desestima o recurso presentado pola institución provincial lucense, ao entrar a xulgar unicamente a potestade legal da Xunta na aprobación deste Decreto e non “a actuación da Xunta de Galicia en relación coa aplicación do mesmo”, polo que o organismo provincial está a estudar tamén a posibilidade de recorrer esta sentencia no Tribunal Supremo.


























Neste curso a actividade estará dispoñible para as nosas pequenas Xoias e para alumnado externo, cunha sesión semanal, a cargo de Yasmin Toledo e Patrícia Sousa, do equipo de Segunda División. O alumnado poderá escoller o seu horario de adestramento entre os luns (16:00 h.-17:00 h., Vista Alegre) e os venres (19:30 h.-20:30 h., Monte Castelo). A actividade terá un custo de 6€/mes para o alumnado da escola laranxa e 24€/mes para o alumnado externo.
Un particular informou minutos despois das 11 horas deste xives dun camión que transportaba formigón envorcado no quilómetro 68 da N-640, á altura da parroquia de Ramil (Castro de Rei). Segundo explicou o mesmo alertador, o condutor permanecía no interior da cabina e outros dous turismos estaban implicados no accidente. De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros de Vilalba e dos servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros confirmaron que non tiveron que excarcerar, pois a persoa estaba xa fóra do vehículo cando chegaron ao punto. Así, colaboraron na limpeza da vía cos servizos de mantemento da estrada.
Neste espazo radiofónico Félix Jorquera falará coa alcaldesa de Lourenzá, Rocío López; co concelleiro de Cultura, Manuel Arango; con José Cuadrado, presidente da Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá e pregoeiro desta edición da festa; co chef Pedro Barreira; e con Antonio Irimia, presidente do club VespaFaba & Clásicos, de Lourenzá.
Ademais da intervención arqueolóxica de 2026, o Concello achega 7.500 euros para restaurar a cabaña C-2, lembrando que “Seguimos apostando por el patrimonio arqueológico y el desarrollo arqueológico del concejo”. Tamén se mellorou o acceso ao xacemento, e o castro consolídase como un recurso turístico en crecemento, clave para avanzar na desestacionalización.
Entre as 10:00 e as 14:00 horas haberá arredor dunha decena de postos con produtos agroecolóxicos e de proximidade, ademais dun punto informativo para persoas interesadas en emprender no sector e actividades infantís. A alcaldesa Marta Rouco destaca que a feira busca dar vida ao centro da vila e visibilizar o rural como espazo de emprendemento, mentres que a concelleira Paula Vigo salienta a colaboración con A Estruga para ampliar a oferta habitual do mercado. O Concello anima á veciñanza a achegarse e coñecer os proxectos participantes.
Nesta ocasión, o grupo desprazouse ata A Pontenova para realizar un percorrido de 17 quilómetros que combinou a Ruta dos Fornos, a Ruta do Ferrocarril e a Ruta do Muiñeiro Namorado. A actividade, de dificultade baixa, iniciou o seu percorrido na Praza dos Fornos da Pontenova e rematou en San Tirso de Abres.
O paseo comezará ás 20:00 h na rúa San Francisco, ao pé da igrexa, para continuar pola Praza de Abaixo e a rúa Antonio Otero, até chegar á Praza do Patín, xunto á Biblioteca Municipal El Viejo Pancho. Alí, ás 20:30 h, dará comezo a presentación da obra. A organización lembra con afecto as anteriores visitas de Souto a Ribadeo e confía en que, unha vez máis, se vivirá unha tarde especial guiada polo enxeño creativo do coruñés de Monte Alto, galego universal que levou as nosas letras polo Mar de Irlanda e polas corredoiras máis recónditas do país. A actividade está organizada pola A.C. Francisco Lanza.



