Burela, 25 de febreiro de 2015. O alcalde, José Mª González Barcia, subliña que as obras de acceso ao porto de Burela se retomarán definitivamente logo de que Adif enviase ao Concello por escrito o seu visto bo ás actuacións que se levarán a cabo na liña de ferrocarril (a autoliquidación de taxas, previa ao envío das prescricións técnicas).
O rexedor dixo que “nos próximos días será retomada, de forma xa definitiva, a obra de construción do acceso ao porto de Burela, logo de que Adif Red de Ancho Métrico, que é o departamento do administrador de infraestruturas ferroviarias competente en materia de ferrocarrís de vía estreita, dera xa definitivamente por escrito o seu visto bo ás actuacións que se van levar a cabo con respecto á liña de ferrocarril”. González Barcia lembrou: “como se sabe, nos últimos meses o departamento de Ancho Métrico de Adif estivo en contacto coa empresa construtora, Copasa, e coa asistencia técnica para perfilar de forma definitiva as actuacións a levar a cabo tanto no movemento da vía do tren como para garantir a seguridade do transporte público durante a obra e despois da mesma”.
Para o alcalde burelés “isto é unha moi boa noticia, porque ven confirmar o que dixemos dende o primeiro momento: que a obra do acceso ao porto, tan demandada durante anos polo noso Concello, polos nosos veciños e veciñas, fundamentalmente polos usuarios do porto, vai seguir adiante, tal e como estaba previsto”. E engadiu: “teño que recordar que nestes meses tampouco é que houbera unha paralización da obra, como algúns dixeron, porque se estaban facendo traballos noutros ámbitos que non tiñan nada que ver co que estamos falando agora sobre a vinculación de Adif. Aquelas persoas que dixeron que a obra nunca ía ser posible e que aínda non hai moito reiteraban isto creo que quedan evidentemente en interdito, porque nós en todo momento dixemos a verdade do que estaba ocorrendo con esta obra. Nós somos os primeiros interesados, como equipo de goberno municipal, en que a obra saia adiante”.
González Barcia explicou que “houbo que facer xestións dende o Concello con Adif Red de Ancho Métrico, tivemos conversas precisamente cos responsables de Adif ao máis alto nivel para que este asunto se puidese solucionar. E hoxe sinceramente creo que é unha magnífica noticia que se teña recibido xa por escrito a autorización pertinente de Adif para que as obras se poidan levar a cabo cumprindo cos requisitos que Adif marca e que nós entendemos que así debe ser, porque hai que ter en conta que a configuración do terreo por onde se constrúe a obra do acceso ao porto é un tanto singular: é un terreo que non é precisamente estable, moi húmido, que presenta unhas características que fan que se extremen todas as condicións de seguridade habidas e por haber para garantir que o transporte público de viaxeiros por ferrocarril siga transcorrendo de forma normal e con total seguridade durante a obra, que se garante a seguridade na obra no que se refire á modificación do traxecto da vía do tren e que se garante a seguridade nun futuro, cando a obra estea rematada e entre en funcionamento o novo traxecto da liña de ferrocarril”.