Recentemente, Alcoa rematou o contrato a un traballador do laboratorio que levaba 3 anos a quendas, traballando sen ningún tipo de supervisión. Dous anos e medio como ETT e seis meses como eventual. Durante este tempo en ningún momento recibiu un aviso ou comentario, dos seus superiores, indicándolle que estaba facendo algo mal. “Tampouco o Comité de Empresa recibiu queixa algunha, nin o seu pai que leva trinta anos a quendas no departamento.”
Cabería preguntarse quen é realmente non válido, o traballador ou o mando que o supervisa que ata os tres anos non se deu conta que o traballador non valía. É non se trata que o traballador non cumpra: “O traballador si cumpre co seu programa de traballo, pero nestes últimos meses non amosa a ilusión necesaria para que lle fagamos un contrato fixo”. Este é o motivo do despido que a responsable do departamento lle comunicou ao traballador e ao Comité de Empresa.
Algo similar lles acontece aos ETTs que fan de correquendas en Electrolises e que a RD manifesta que lle serven para traballos eventuais, pero non para facelos fixos. Traballadores aos que lles fai contratos de tres meses para cubrir o absentismo e logo para a casa e, con sorte para o ano, volven a chamalos.
Esta é a conduta de Alcoa que presume de que o máis importante para a compañía son as persoas que a forman, mentres aplica unha política de contratación que non valora a profesionalidade, se non o simpático ou desagradable que lle resultes ao xefe correspondente.
Este é o motivo polo que a CIG solicitou ao Comité de Empresa o inicio de mobilizacións este venres co reparto de notas e informando de palabra aos traballadores na portería.
O próximo luns ás 10.00 horas a CIG solicitou un pleno extraordinario urxente para tratar o tema, e manifesta que está disposta a continuar ata o final, coas mobilizacións necesarias, para defender a estes traballadores.