Santiago de Compostela, 24 de abril de 2015. O portavoz de AUGA, Autónomos de Galicia, Lisardo Domínguez, iniciará a vindeira semana unha rolda de visitas aos concellos da comarca de A Mariña nas que manterá entrevistas cos diferentes alcaldes, comezando por Viveiro e Mondoñedo. Acompañado polo responsable da organización na zona, José Luis Moñita, “pretendemos coñecer de primeira man a situación do colectivo nesta comarca e tratar de establecer colaboracións entre os concellos para o fomento de medidas de apoio aos autónomos e emprendedores”.
Domínguez subliñou que segundo as últimas cifras publicadas polo Ministerio de Seguridade Social, “A Mariña perdeu neste primeiro trimestre do ano 38 autónomos. Tal e como augurábamos na última visita que fixemos á comarca a finais do 2014, é primordial frear este descenso no número de autónomos e tratar de comezar a remontar as cifras, pois a pesares de todo, o autoemprego segue tendo un peso moi importante nesta comarca”.
Tanto é así que “a día de hoxe contamos cun total de 6.231autónomos mariñáns, o que supón o 29% do total de afiliados á Seguridade Social na comarca e o 17% do total de traballadores por conta propia de todo Lugo. Debemos centrar esforzos no apoio e fomento do autoemprego como piar para a reactivación da economía e a creación de postos de traballo estable que fixen poboación nestes municipios”.
A nivel municipal, os concellos que centran un rexistro maior de autónomos na comarca coinciden cos de maior poboación, “Viveiro conta con 1.023 autónomos, Ribadeo con 955, Foz con 730, Burela con 612 e Mondoñedo con 522. Pola contra, son Xove, O Valadouro, O Vicedo e Ourol, os municipios que concentran un número menor de traballadores por conta propia, con 221, 207, 132 e 68 respectivamente”.
Coñecedores desta situación, o portavoz de AUGA visitará Viveiro o vindeiro martes 28 de abril e Mondoñedo o mércores 29, agradeceu de primeira man “o interese amosado por ambos alcaldes” e “trataremos de establecer liñas de colaboración entre ambos organismos co único obxectivo de mellorar a empregabilidade do colectivo e informar e apoiar de maneira especializada a todos os autónomos asentados na zona”.