O Xulgado de Instrución de Viveiro, nun auto dictado o 29 de outubro do 2014, desestima o recurso presentado pola alcaldesa, concelleiros e ex concelleiros, ante a acusación de prevaricación urbanística.
O popular César Aja destaca que “o auto pon de manifesto que múltiples decisións adoptadas por membros do equipo de goberno presididos polo entón alcalde Melchor Roel, eran ilegais, sendo adoptadas con plena conciencia de que as mesmas eran constitutivas de delito e xa que logo constitúen actos punibles, como denunciei no seu momento”.
“Estas actitudes, sobre cuxa ilegalidade advertiramos no seu momento, causaron, están causando e van provocar no futuro cuantiosos custos económicos ás arcas municipais e poñen de manifesto o enorme prexuízo que estas decisións están carrexando ao concello e os seus cidadáns”, destaca o ex edil popular.
“Un pregúntase se realmente se outorga unha licenza de obra con informes técnicos, xurídicos e de Patrimonio negativos, a cambio de nada”, continúa. “Realmente é difícil de crer e sobre todo tendo en conta que foron moitas as licenzas concedidas por este sistema”.
Por outra banda, Aja insiste en que “esta é soamente a punta do iceberg, pois hai outras licenzas outorgadas con informes negativos como a de Vestas ou de O Celeiriño, pendentes de resolucións xudiciais e sobre as que pesan reclamacións millonarias”.
Nese sentido, pregunta César Aja se “os imputados van pagar co seu patrimonio persoal todos os gastos ocasionados ao concello polas súas actuacións delituosas. Quen vai restituír o dano económico e moral á Institución municipal? Estas e outras moitas cuestións deberían de respondelas os responsables de todo este desaguisado que tanto dano causaron e seguen causando ao desenvolvemento municipal”.
“Dada a situación procesal da Alcaldesa e a concelleira, deben de dimitir ipso-facto dos seus cargos e supoño que o Sr. Besteiro así o esixirá, aínda que dubido da imparcialidade e palabra de quen mantivo de asesor a un imputado aínda malia estar demostrado en sentenzas do TSXG, que había indicios de criminalidade no outorgamento de varias licenzas”, asegura Aja.
“Os grupos municipais que malia coñecer a imputación destas persoas e de coñecer que dita imputación estaba baseada nuns feitos delituosos, perfectamente corroborados e demostrados, ata con sentenzas tanto dos xulgados de Lugo como do TSXG, e que apoiaron en varias ocasións a investidura destas persoas, son igualmente colaboradores activos destas actuacións pois tiñan e teñen perfecto coñecemento das mesmas”, cre.
“Dado que non caben máis recursos o seguinte paso, segundo me informan os técnicos na materia, será a presentación do escrito de acusación e a apertura de xuízo”.