RIBADEO, 14 DE ABRIL DE 2015.- O candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía de Ribadeo -Roberto Ramos Piñeiro- involúcrase na creación de postos de traballo no municipio, para o que xestionou a participación da vicepresidenta segunda da Deputación de Lugo -Lara Méndez- nunha charla na que explicou o plan Ben Empregado. O acto celebrouse na tarde-noite de onte na Casa Sindical e contou coa asistencia dunha trintena de persoas.
Roberto Ramos comentou este martes que “a Deputación de Lugo reeditou esta iniciativa para dar traballo este ano a 350 persoas. Esta segunda edición do programa segue un esquema similar ao da primeira fase, cunha lista de empresas e o organismo provincial sufraga a totalidade dos custes salariais e da seguridade social dos traballadores contratados. A institución de Besteiro aportará ata 22.000 euros por persoa, co cal será a administración galega que conceda a maior axuda directa para contratación de persoal”.
O alcaldable socialista engadiu que “dado o interese que me transmitiron numerosos empresarios, autónomos e asociacións de Ribadeo por este plan de emprego lanzado pola Deputación púxeme en contacto co organismo provincial para organizar esta reunión. Neste acto resolvéronse as dúbidas que podía haber sobre dito plan. Quero agradecer a presenza da vicepresidenta segunda, que informou a todos os asistentes dos detalles da convocatoria. Como ven sendo habitual, a Deputación involúcrase con toda A Mariña e en concreto con Ribadeo”.
Roberto Ramos rematou animando “a todas as empresas, autónomos e asociacións ribadenses a participar neste plan como unha fórmula máis para combater o paro”.