Burela, 19 de maio de 2015. Dan comezo as obras de mellora nos vestiarios do pavillón dos Castros, que suporán un investimento de 23.000 euros. O prazo de execución será dun mes aproximadamente, segundo explican os concelleiros de Obras e Deportes, Manuel Fernández Valle e Beatriz Piñeiro.
Os edís populares sinalaron que “esta intervención xa foi abordada coa Anpa e coa dirección do centro, e como xa comentamos hai unhas semanas a intención era facela antes do remate do presente curso, de aí que os traballos se inicien xa”. Manuel Fernández Valle indicou que “a mellora consistirá na renovación do chan e do alicatado e todo o que ten que ver cos sanitarios”.
Piñeiro lembrou que “o interior do pavillón foi pintado polo propio Concello. E xa está presentado o proxecto para substituír o tellado desa instalacións. Ese investimento ascenderá a 110.000 euros”. Os concelleiros do equipo de goberno engadiron que “as obras de mellora nos vestiarios se farán de tal forma que sempre estea dispoñible algún vestiario para os rapaces e para a xente que acude a facer deporte a esa instalación”.