Burela, 18 de maio de 2015.- A vasca Estitxu Estremo, campioa de Europa Surf 1997-1999 e Longboard 2010, inaugurou na mañá deste luns as IV Xornadas do Deporte Academia Imdecum que acollerá o IES Monte Castelo ata comezos de xuño. “Toda persoa que entre na auga debe coñecer o tipo de corrente desa praia” advertiu a surfista entre os consellos para iniciarse neste deporte ao numeroso público asistente ao primeiro relatorio do ciclo organizado pola Fundación Imdecum, coa colaboración da Área de Deportes da Deputación de Lugo.
“É moi importante saber que se a corrente nos leva ata o interior da praia non debemos perder a calma e intentar saír cara a un lado, non loitar contracorrente. Á hora da entrada na auga deberemos ter un punto de referencia fixo, por se aparece algún inconveniente” continuou explicando Estitxu sobre as medidas básicas do surf, ademais de destacar a táboa Málibu ou evolutiva como a máis adaptada para principiantes, entre o material necesario xunto ao traxe, quillas ou a parafina.
Tras facer un breve percorrido pola historia do surf, deporte que comezou a practicarse na Mariña a mediados da década dos 90, Estitxu tamén deu a coñecer as diferentes modalidades e as particularidades da nosa bisbarra. “É unha zona axeitada para realizar surf, sobre todo no inverno, debido á ondada das súas praias” indicou a deportista vasca, destacando o crecemento da súa práctica na Mariña e a idoneidade de areais coma Pampillosa, A Rapadoira ou Arealonga para iniciación, Peizás para nivel intermedio ou Rinlo para avanzado, xunto a outras máis versátiles, coma A Marosa, apta para aprendices ou experimentados, dependendo do estado do mar.
As IV Xornadas do Deporte de Imdecum continuarán o xoves, 21 de maio, cos burelaos Alberto Méndez e Martín Fernández, subcampións do Mundo de fútbol gaélico coa Selección Galega.
Xoves 21 de maio
“Fútbol gaélico. Inicio dun deporte en Galicia”
D. Alberto Méndez e D. Martín Fernández (Subcampións do Mundo de Fútbol Gaélico coa Selección Galega)
IES Monte Castelo (Aula de Usos Múltiples), ás 17:45 h.