Mañón, 20 de maio de 2015.- Este sábado 23 Mañón convírtese no centro da bisbarra en materia de Natureza coas actividades que organizan as asociacións “O Son do Sor” e “Nordés”.
Deste xeito, o día escomenza ás 10 da mañá nas beiras do río Sor, no lugar de Ambosores, onde se facerá a primeira das dúas análises e recollida de mostras coas explicacións instructivas do Técnico de ADEGA Paco Banhobre, namentras a segunda facerase a partir das 12 na Ponte Segade.
Este tipo de medicións supoñen a continuidade do compromiso de Nordés co Proxecto Ríos, unha iniciativa de ADEGA que promove a participación voluntaria no control da calidade dos nosos ríos, e que, no caso desta asociación, céntrase nos ríos Sor e Esteiro. Engadir que tamén se van recoller mostras, pero esto xa fora do Proxecto, para analizar as augas do Rego da Veiga, no Vicedo, e do río Esteiro no Barqueiro para saber da súa aptitude para o baño, xa que ámbolos dous desembocan en praias moi frecuentadas (Xiloi e Esteiro).
Para ese mesmo día, pero xa a partir das 6 da tarde, a asociación “O Son do Sor” propón varias actividades relacionadas cos morcegos, estos descoñecidos mamíferos.
Primeiro haberá unha charla á devandita hora no local De “O Son do Sor” por conta de Roberto Hermida co título de “Os morcegos de Galicia”, achegándonos ó coñecemento de cales son os que poderemos atopar na seguinte parte da xornada, xa na Ponte Segade de novo, e dende as 8 e media donde se prepararan as trampas e se explicará o funcionamento dos ultrasóns que usan os morcegos para orientarse.
A captura e recoñecemento será a partir das 10 da noite e rematando arredor das 11 e media, polo que se aconsella levar algo de comer.
Tanto a actividade de Nordés coma a de O Son do Sor están abertas a tódolos públicos.