Foz, 20 de maio de 2015.- O Concello de Foz comezou as obras para mellorar as instalacións do campo de fútbol de Malates. Esta actuación conta cun investimento municipal de 40.000 euros e foi consensuada polo goberno local con parte dos grupos da oposición para a aprobación do orzamento do Concello para este ano 2015.
O alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, explicou que “este martes iniciáronse as obras no campo de fútbol municipal de Malates, actuación que está dentro dos orzamentos do Concello de Foz para este ano 2015 cunha reserva de crédito de 40.000 euros sufragados integramente con fondos municipais. Esta é unha das obras que fora consensuada coa oposición para facer con cargo a estes orzamentos. Polo tanto trátase dun compromiso máis iniciado”.
O rexedor municipal especificou que a obra consiste fundamentalmente en “levar a cabo o acercamento das torres de iluminación do campo de fútbol, que están moi lonxe e polo tanto o alumeado resulta insuficiente. Esta era unha demanda dos clubs e demais usuarios deste campo de fútbol e nun prazo de 20 días aproximadamente estarán cambiadas esas torres para acercalas e ampliar a iluminación. Ademais vaise facer unha beirarrúa arredor de todo o campo contra a valla perimetral, porque estaba rematado con terra e zahorra, o que leva pedras e sucidade ao céspede artificial, que na zona próxima ás vallas estaba resultado danado. Polo tanto era unha obra que se pedía e que lle vai facer moi ben a este campo, que no seu momento quedou sen acabar cando fixo as obras a Deputación, hai catro anos, e agora o Concello, como a Deputación non rematou eses traballos, está facéndoos con fondos municipais. Isto xa se deberá ter feito no seu momento, pero como se rematou ás presas dotouse ao campo con céspede artificial e deixáronse sen facer a metade das cousas que eran necesarias”.
Javier Castiñeira rematou advertindo aos usuarios do campo de fútbol de Malates que “vai estar en obras durante un par de semanas e polo tanto deben ter coidado á hora de adestrar cos rapaces e nos partidos oficiais, que teñan precaución e prudencia”.