Madrid, 10 Xuño 2015. A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha proposición non de lei na Cámara Baixa na que insta ao Ministerio de Fomento a aprobar un Plan de Mellora Integral de tres importantes estradas na comarca de A Mariña: a N-634, a N-640 e a N-642.
Rosana Pérez acusa a Fomento de “desidia e de total pasividade en relación ao estado das estradas mencionadas” e critica “a pasividade de Fomento respecto á A-8 que leva xa catro días pechada á circulación”. Así que, conclúe, “por un lado temos unha autovía nova case sempre pechada, e por outro temos tres estradas estatais moi degradadas. A pregunta a Fomento sería: pon onde deben circular os habitantes de A Mariña?”.
A deputada do BNG que xa rexistrou hai tres día unha proposición non de lei sobre a A-8, nesta ocasión presentou unha centrada nos tres viais citados. Sinala que a N-642 entre Barreiros e San Cibrao continúa nun estado lamentábel a pesar dos compromisos de mellora e a pesar de contar con orzamento para elo.
A N-634 entre Barreiros e Mondoñedo, “a única alternativa á A-8, tamén está en mal estado, especialmente no tramo entre Barreiros e Lourenzá”. Igual sucede coa N-640 entre Abadín e Lugo.
A Mariña sofre un défice considerábel en materia de infraestruturas
Rosana Pérez amosa a preocupación do BNG polo mal estado do firme nestes viais debido á súa progresiva degradación e a falla de investimento en mantemento, o que constitúe un grande perigo para a seguridade vial. Ademáis, o seu estado empiora cada ano debido á climatoloxía invernal e á conseguinte falla de actuacións de conservación”.
Lembra a parlamentar nacionalista que ao longo dos seus 25,7 quilómetros, a N-642 pasa por numerosas travesías nos concellos de Cervo, Burela e Foz, e aos problemas existentes na calzada súmase a súa mala sinalización e a deficiente iluminación nocturna. A N-634 comunica a zona oriental da comarca de A Mariña co centro, desde Ribadeo até A Espiñeira e pasa polos concellos do interior como Vilanova de Lourenzá e Mondoñedo.
E a N-640 é outra das comunicacións viais importantes na comarca e necesitada de rehabilitación.
A deputada do BNG pón de manifesto que a comarca de A Mariña sofre un défice considerábel en materia de infraestruturas. “As comunicacións ferroviarias brilan pola súa ausencia, con maltreitas liñas de FEVE nada úteis nin en tempos de viaxe nin en frecuencias. En canto ás infraestruturas viarias, abriuse en febreiro de 2014 a Autovía do Cantábrico pero como pasa nestes días permanece pechada a cada pouco”. Cando a A-8 se clausura ao tráfico, desvíase pola N-634, “incapaz de absorber o tráfico desviado”.