Trátase dun ala destro de 22 anos que debutou en Segunda con David Rial no Santiago Futsal e que procede do Stellae Leis Pontevedra
Burela, 16 de xullo, 2025. O futbolista santiagués Alán Álvarez é a segunda incorporación do conxunto masculino do Burela FS para a tempada 2025/2026. Trátase dun ala destro de 22 anos que procede do Stellae Leis Pontevedra, equipo co que finalizou líder do grupo primeiro de 2ªB. Destaca pola súa rapidez, o seu bo trato de balón e o seu traballo defensivo. Ademais, non está exento de calidade á hora de encarar a portería contraria, xa que esta pasada tempada anotou 15 tantos no cadro pontevedrés. Conta con experiencia en Segunda División, categoría na que debutou con 16 anos nas filas do Santiago Futsal e foi precisamente David Rial, o seu novo adestrador, o que lle deu a alternativa.
Alán Álvarez Añón (Santiago de Compostela, 10-3-2003) criouse na prolífica canteira do Santiago Futsal, onde ingresou con 8 anos e saíu con 19. Na campaña 2019/2020 producíase o seu debut no primeiro equipo nun encontro de competición oficial. Foi nas Pontes durante un partido de Copa do Rei e nese intre convertíase no xogador máis novo en facelo na historia do club santiagués con 16 anos, 8 meses e 3 días, superando a Alberto Mirás, que agora será de novo compañeiro seu.
Na campaña 2020/2021 xa pasou a formar parte a todos os efectos do primeiro equipo santiagués, no que tamén estivo o curso seguinte, xa en 2ªB, onde os picheleiros rozaron o ascenso á categoría de prata. De Santiago emigrou a Pontevedra para enrolarse na 2022/2023 nas filas do Leis Pontevedra, posteriormente marchouse ao Stellae-Valga e a fusión dos seus últimos dous equipos fixo que o pasado ano regresase a Pontevedra para xogar baixo a denominación de Stellae Leis Pontevedra, sempre en 2ªB. Así mesmo, Alán foi un habitual das convocatorias das seleccións galegas de base entre os anos 2017 e 2022.
Alán chega ao Burela FS moi ilusionado por ter recibido a proposta do club e polo reto que supón regresar a Segunda División. “Como para calquera xogador criado no fútbol sala galego, o Burela FS é unha referencia, tanto a nivel de canteira como de estrutura deportiva profesional. É un club con fortes raíces de identidade, algo que me atraeu moito a vir, xunto co desafío deportivo que supón afrontar o cambio de categoría”, explica.
O ala compostelán defínese como “un xogador rápido e versátil, destacando sobre todo en ámbitos defensivos” y espera aportar “sacrificio e traballo como o que máis, así como compañeirismo e alegría ao grupo”, características que precisamente ensalzo una súa despedida o club lerezán. Así mesmo, agarda “levar experiencias do fútbol sala profesional en todos os sentidos e seguir aprendendo deste deporte”, sinala.
En canto aos obxectivos deportivos que se marca para esta campaña, Alán só pensa no grupo. “Os meus obxectivos son puramente colectivos. Aqueles que diga o adestrador e o club serán os meus obxectivos”, asegura. Finalmente, envíalle unha mensaxe á Familia Laranxa. “Anímoos a que sigan apoiándonos nesta tempada tan ilusionante que nos vén e poder construir xuntos un camiño para o recordo”, conclúe o prometedor ala santiagués.





















O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.


