Alfoz, 9 de xuño de 2015.- De novo, e por segundo ano consecutivo segundo a Federación Frisona Galega, a Gandeiría Casa Barbeiro de Alfoz conta coa vaca máis produtora de Galicia. Trátase dun animal de seis anos que na súa terceira lactación acadou unha produción de 22.281 kg de leite con un 3,57% de graxa e un 2,95% de proteína, estes datos levan a esta filla de Frosty a unha produción media diaria de máis de 73 kg., dous máis que a súa predecesora “Kaliña” .
Barbeiro Mimosa encabeza unha lista de vacas con mencións honoríficas á produción nesta explotación mariñana na que é acompañada por tres vacas máis nos 12 primeros postos, Barbeiro Xacobeo Perica, Barbeiro Marilia e Henar Mariñeiro Silvia.
Todas estas mencions xunto coa excelente produción do resto do rebaño 14.187 kg de media, fan que Gandeiría Casa Barbeiro sexa a explotación leiteira coa maior media de produción de Lugo e a segunda de Galicia.
Gandeiría Casa Barbeiro e unha explotación formada por tres socios, Juanjo Fraga, a súa irman Rosana Fraga, ambos enxeñeiros agrícolas, e a súa nai Josefina Paz. Afincada na parroquia de Lagoa, no concello de Alfoz, adícase principalmente á produción de leite e está comezando co cebo de xatos, na actualidade conta con 275 animais, dos cales máis de 140 son produtoras e o resto recría, no ano 2014 produciu arredor de 1.400.000 kg de leite, o cal comercializa en cru.
Neste fértil val conta con grande cantidade de superficie forraxeira, adícase a millo e herba, o que a fai ser autosuficiente, algo necesario para os tempos que corren. Parte deste forraxe queda na explotación e outra parte é enviada ao Centro de Alimentación de Vacún de Irmandiños (CAVI), de onde volta preparado todos os días para aportar esta exquisita ración ás vacas en produción.
Os propietarios fan fincapé en que estes logros son froito do traballo e ilusión e dunha dedicación importante, pois o manexo exquisito e uns coidados e atención continuos xunto cunha boa alimentación, instalacións e xenética son os que fan posible acadar estes méritos. Ilusión que, a pesar dos malos tempos que corren, estes enxeñeiros agrícolas non pensan perder.