O BNG segue a traballar polos intereses, os dereitos e o emprego dos burelaos. Na mañá deste pasado martes celebrouse Comisión de Industria do Parlamento de Galiza na que os representantes nacionalistas levaron unha serie de preguntas acerca da problemática que arrastra dende fai xa tempo a planta de “Área Minera del Atlántico”, antiga ECESA.
“Nós non nos limitamos ás campañas electorais para estar do lado dos veciños e a pé de rúa, cremos que o noso traballo ten que seguir durante os 365 días do ano, por iso seguimos traballando para atopar unha solución para os traballadores da fábrica” dixo Mario Pillado, voceiro do BNG burelao.
Neste senso os nacionalistas destacan a intervención do parlamentario Cosme Pombo na Comisión Parlamentar, na que suliñou o carácter rendibel que sempre tivo a planta, os postos de traballo que hai en xogo e o farragoso conflito xudicial que de momento impide a entrada dun novo grupo inversor, antes de facer unha serie de preguntas ó director xeral de industria relacionadas co coñecemento da situación a nivel empresarial, laboral e xurídico ademáis da relación da Xunta co administración concursal e co novo grupo dono da empresa.
A organización estará atenta ao cumprimento das promesas pendentes e a que se aceleren o trámites xudiciais por resolver
“Sería moi importante resolver o farragoso proceso xurídico no que se atopa a empresa, para evitar a ralentización de tódolos trámites para que o novo grupo mineiro “MIDUESA” poida voltar, canto antes, á actividade empresarial e a garantía de manter, mesmo aumentar, os postos de traballo da nova empresa” comentou Pombo antes de pedirlle á Dirección Xeral de Industria que se comprometera a que a Xunta tome as medidas oportunas para facer posible a recuperación da actividade empresarial e dos postos de traballo. Este compromiso, que o responsable público tomou para cando se resolva o proceso xudicial, consiste en autorizar a transmisión da titularidade a nova propiedade e condicionar a mesma á inversión do novo grupo de 10 millóns de euros e á contratación da bolsa de traballadores.
Esto último semella o mais importante posto que son os traballadores e as súas familias as que mais sofren o conflicto e non entenden porque unha fábrica que durante décadas foi rendíbel por dispoñer da millor materia prima do mundo e por dispoñer de persoal cualificado continue agardando por resolver problemas xurídico administrativos.
A pesar de que o parlamentario nacionalista pediu a axilización por parte da administración autonómica destes trámites, xustificando que “o goberno galego pode e DEBE tomar medidas para a recuperación da actividade da antiga ECESA”, a dirección xeral insistiu en decir que a Xunta non pode facer nada ata que a Audiencia Provincial declare FIRME a adxudicación do administrador concursal.
Evidentemente dende o BNG de Burela trasladarán o contido desta Comisión de Industria ó Comité de Empresa da antiga Ecesa, como xa se comprometeran a facer en reunións anteriores, vixiarán o cumplimento dos compromisos acadados pola Xunta de Galiza, así como a axilización dos trámites xurídicos para que o novo grupo inversor poda restablecer a normal actividade da planta burelá e os traballadores podan volver ós seus postos de traballo.