Barreiros, 22 de xuño de 2015.- O Bloque Nacionalista Galego de Barreiros propuxo no pleno de organización que se celebrou na tarde deste luns que se crearan, cando menos, dúas comisións municipais: a de urbanismo e a de igualdade. A portavoz municipal, Ana Ermida, explica que “cremos que o urbanismo, se algún día chegamos a saber algo do Plan Xeral, e o traballo municipal pola igualdade deberán ser temas centrais nestes catro anos, polo que entendemos que é fundamental que se poñan en funcionamento comisións que permitan unha maior participación e coñecemento das medidas e actuacións que se poidan facer desde a institución municipal. Trátase de poñer en marcha espazos nos que teñan cabida todos os grupos políticos, pero tamén a veciñanza e calquera entidade ou asociación que poida ter interese en traballar nestes temas para avanzar en Barreiros.”
“Neste concello só hai a comisión de contas, porque obriga a lei”, afirma Ana Ermida. “O que nós pretendemos é crear instrumentos para que Barreiros sexa un concello participativo e plural e nos que se reflicta a composición do concello.”
“A organización que vén de aprobar o PP é a mostra de que Barreiros vai seguir xestionado do mesmo xeito: centrando as decisións nunha xunta de goberno de tres persoas, nas que non se inclúe ningunha muller, e con decisións unipersoais sen ter en conta sequera á corporación municipal, que representa o que elixiron as veciñas e veciños”, afirman desde o BNG.
As mulleres de Barreiros están invisibilizadas no goberno
Desde a formación nacionalista aseguran que “a composición da xunta de goberno, composta por tres homes, é mostra inequívoca de como entende o Partido Popular a igualdade.” O PP ten dúas concelleiras na corporación, de seis representantes, e non conta con ningunha delas para entrar na xunta de goberno. “Así, Alfonso Fuente, a quen xa lle coñecemos a súa cara máis machista e reaccionaria, segue na súa liña de invisibilizar e ningunear ás mulleres, que son máis do 50% da poboación de Barreiros”, lembra Ana Ermida.
“Sabemos que a Alfonso Fuente non lle gusta o feminismo, pero debería amosar un pouco de respecto cara á maioría da poboación e incorporar a algunha muller á xunta de goberno que, en Barreiros, decide a maioría das cuestións municipais. Do contrario, estaría constatando que para el a igualdade e a participación das mulleres na vida política quedan reducidas a aparecer nunha lista electoral sen ningún tipo de responsabilidade e non ten confianza en que as súas compañeiras poidan desenvolver labores de goberno”, sinalan desde o BNG.
Os salarios do goberno póñense en función de intereses persoais e non do interese xeral
O BNG tamén se posicionou en contra das novas dedicacións e salarios do grupo de goberno. “É realmente preocupante ver como as dedicacións neste concello se reparten en función dos intereses particulares e non dos intereses do concello. Hai catro anos xustificábase o salario do concelleiro de obras polo traballo que ía ter por diante: plan xeral, mellora da rede de abastecemento, etc. traballo, por certo, que non se fixo”, afirma Ana Ermida.
“Agora vén de poñerse unha dedicación parcial a un concelleiro de xuventude e deportes cando a actividade deportiva do concello está xestionada por unha empresa privada e non hai ningún tipo de actividade promovida polo municipio dirixida á mocidade”, aseguran.
“Gustaríanos coñecer cal é o plan de traballo que hai para este concello, as súas prioridades, porque dese xeito, podería deseñarse un reparto de goberno adecuado ás necesidades das veciñas e dos veciños e non en función do que lle interese ás persoas que forman parte do mesmo”, conclúen desde o BNG.