Mondoñedo, 18 de xuño de 2015.- O novo goberno do Concello de Mondoñedo está a planificar tanto actuacións de limpeza “moi necesarias” na localidade como obras de reparación do empedrado do municipio.
A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, explica que se tratan de acometidos que requiren dun trato “urxente” e que dende o equipo de goberno local “temos identificado como prioritarios”.
Así Candia anuncia que estas actuacións desenvolveranse ao longo dos próximos días “É necesario, para todos os ámbitos, que Mondoñedo ofreza unha imaxe coidada”, matiza Candia, polo que se debe garantir unha planificación adecuada da limpeza do municipio.
Neste senso, a popular engade que xa empezaron a realizarse esta semana actuacións de limpeza e desbroce nos accesos á piscina do Coto e máis na Ruta da Auga; así como en algunha parroquia (pistas en Vilamor e acceso ao campo da festa, entorno da escola do Carme…).
A maiores, tras un investimento de máis dun millón de euros, o empedrado do entorno da Catedral e do Seminario presenta importantes deficiencias, que se converten, a maiores, nun risco para a seguridade dos veciños e dos visitantes. Por iso, nos próximos días arranxaranse as pedras rotas. Tamén actuará no empedrado en mal estado no entorno do centro de saúde.
Polo tanto, a alcaldesa conclúe ao asegurar que o “adecentamento tanto do casco urbano como do rural” é a primeira prioridade do actual equipo de goberno.