Ante a información publicada en diversos medios de comunicación e redes sociais que atenta claramente á miña honra e dignidade e intenta menoscabar publicamente a miña imaxe, quero manifestar o seguinte:
EN PRIMEIRO LUGAR, sinalar que, na sesión plenaria do Parlamento, en ningún momento estaba consultando ningunha información como a referida. Como proba delo, adxunto a acta notarial na que o notario comprobou persoalmente como ao facer clic en calquera link da páxina oficial do Parlamento de Galicia se abre automaticamente un pop-up non requerido con mensaxes publicitarias de todo tipo.
Por todo elo, resulta cando menos lamentable que se estea empregando este asunto para menoscabar deste xeito a miña persoa e atentar así á miña dignidade.
EN SEGUNDO LUGAR, quero destacar que, xamais, repito, xamais, estaría disposto a facer algo semellante nun lugar público como pode ser a Cámara do Hórreo. E dígoo por responsabilidade e por absoluto e profundo respecto ao Parlamento e á miña condición como deputado e, por tanto, como máximo defensor dos intereses dos galegos e das galegas.
EN TERCEIRO LUGAR, anuncio que, de continuar con este proceder, e acolléndome aos artigos 208, 212 e 216 do Código Penal, non descarto levar a cabo medidas legais ante o que considero un grave atentado contra a miña persoa.
E, POR ÚLTIMO, E EN CUARTO LUGAR, dado que a fotografía foi recortada e pasada a branco e negro non se pode comprobar a realidade; isto é que non é unha páxina introducida por min, senón unha mensaxe publicitaria ou pop-up que se abriu sen ser solicitada por mor dos malwares presentes no navegador do ordenador. Ademais, cabe sinalar que, nese momento, o que estaba facendo era consultar documentos oficiais sen prestar atención ao que figuraba no monitor do ordenador.