Foz, 19 de xuño de 2015. Unha parte da avenida da Mariña, de Foz, estará cortada ao tráfico o sábado 27 deste mes, sábado, para acoller diversas actividades da segunda Festa Vintage, que foi presentada hoxe diante da Casa do Concello. O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, anima a participar neste evento e destaca o traballo dos responsables do Centro Comercial Aberto, que conta coa colaboración do Concello para a organización deste festexo.
O rexedor municipal explicou que “dende o Concello estamos contentos de que se organice a segunda Festa Vintage, que hoxe vimos de presentar co presidente da Acia e cos responsables do Centro Comercial Aberto de Foz. Esta idea dos comerciantes levouse a cabo por primeira vez o ano pasado e nesta edición vai haber certas novidades interesantes, sobre todo para o sábado 27 de xuño, no que se cortará a tráfico parte da avenida da Mariña, que practicamente é a zona máis comercial do noso concello. Nela, aparte de poder degustar as diferentes tapas e menús vintage e comprar nese rastrillo e mercado vintage, con descontos no comercio, tamén os nenos poderán gozar dunha zona infantil mentres que os pais fan as compras tranquilamente, porque haberá monitores para os rapaces e a rúa estará libre de vehículos . É un avance do que podería ser esta avenida nun momento dado, cando se humanice e se fagan actuacións para mellorar sobre todo a parte comercial desta rúa”.
Javier Castiñeira engadiu que “a Festa Vintaxe é unha actividade máis do Centro Comercial Aberto de Foz, que está funcionando moi ben no seu primeiro ano. Volveremos ao Foz dos anos 20, esperemos que todo o mundo ese día aproveite para engalanarse e se contaxie dese pasado dos anos 20, dos que aínda quedan recordos tamén precisamente nesa rúa, que é unha das principais de Foz. Pero en xeral a festa será en toda a vila, porque participan moitos establecementos e locais de todo o Centro Comercial Aberto. Moita sorte a todos eles e parabéns á Acia por esta actividade, por esta idea, e espero que sexa un grande éxito”.
O alcalde rematou comentando que “o Concello, evidentemente, está aí sempre para colaborar, en parte do financiamento das actividades pero tamén na infraestrutura e en todo o que sexa organización, porque o Concello ten moito que agradecerlle á Acia e ao Centro Comercial Aberto por promover o comercio de Foz”.