Ribadeo, 6 de xullo de 2015. A Concellaría de Cultura fai unha valoración moi positiva da II Feira do Libro de Ribadeo, que rematou este domingo. Farruco Graña subliña que se incrementaron as visitas e que as ventas aumentaron en torno a un 20%.
O edil nacionalista indicou que “con respecto ao ano pasado, e segundo nos comentan os libreiros e libreiras que estiveron presentes, as ventas aumentaron en torno a un 20%. Tamén puidemos constatar un aumento no número de visitantes e de pícaros e pícaras, así como pais e nais, que participaron nos diferentes obradoiros programados”.
Graña dixo que “para o Concello de Ribadeo foi unha honra axudar a poñer en valor a obra literaria de veciños e veciñas do noso concello, da Mariña lucense e tamén da comarca eonaviega. Especialmente emotivo foi o roteiro literario realizado o sábado pola mañá da man de Xavier Rodríguez Baixeras. Que persoas que compartiron momentos da infancia co autor puideran revivir os poemas de Rodríguez Baixeras escoitando a fonte de inspiración dos mesmos da man do autor, dálle dobre valor ao poema e á lembranza deses acontecementos relatados. E por suposto, ao espazo físico no que ocorreron”.
E engadiu que “o mesmo ocorreu coa presentación de A casa do vapor, proxecto realizado por Maumarela con nenos e nenas da zona, que crearon a súa historia sobre o tren de Vilaoudriz despois de lles escoitar aos seus avós as súas vivencias coa Chocolateira. Así mesmo, ver a nais e pais, cos seus pícaros e pícaras facendo xoguetes cos xuncos, ou pintando o seu propio libro, déixanos ben claro que a lectura pode, e debe ser, cousa de todos”.
Farruco Graña agradeceu desde a Concellaría de Cultura “o apoio recibido pola área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, a colaboración que nos prestaron desde as librarías locais (Vivín, Gráficas Santiago e Pícaros Mundi), a Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo, o Grupo de Teatro de Ribadeo e La Galería 56 e Legado Gurmet. Desde o Concello seguiremos a apostar pola celebración da Feira do Libro de Ribadeo. Seguiremos en contacto coas librarías participantes, pendentes da creación literaria da contorna e poñerémonos a preparar ben axiña a III Feira do Libro de Ribadeo do ano 2016”.