Santiago, 20 de xullo de 2015.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, garantiu este luns a disposición do Goberno galego para afondar na colaboración coa Deputación de Lugo na mellora dos servizos públicos e en sectores estratéxicos como o primario, as TIC e o turismo.
Durante unha xuntanza mantida na tarde deste luns coa presidenta da deputación, Elena Candia, Feijóo lembrou que Lugo é a provincia na que a Xunta máis inviste en servizos sociais: cun 54,20% máis de beneficiarios do servizo de Axuda no Fogar, un 36% máis de prazas para maiores e un incremento do 46% en prazas de garderías públicas. E asegurou que o Executivo autonómico seguirá traballando neste eido, “aplicando o Plan de Dinamización que temos en marcha para minimizar no que sexa posible o problema demográfico; e reforzando a coordinación na planificación das infraestruturas sociais que tanto a Xunta como a Deputación poñamos en marcha”.
Ambos os dous mandatarios coincidiron tamén na necesidade de seguir facendo especial fincapé nas persoas que máis están tardando en notar os efectos da recuperación económica que se inicia. E, nesta liña, o titular da Xunta trasladou á Elena Candia o interese da Xunta de levar a cabo o Plan de Loita contra a Desigualdade Económica de forma coordinada, “para que os lucenses, con fondos da deputación e da Xunta poidan ter un plan mellor dotado”.
Conscientes de que a coordinación entre todos é a mellor forma de prestar o mellor servizo aos cidadáns que menos teñen, Feijóo incidiu en que “os fondos da Xunta están garantidos e o obxectivo é establecer un criterio para ver se somos capaces de, no outono, finalizar un plan de loita contra a desigualdade económica dotado e cofinanciado pola Administración Autonómica, a Administración provincial e a Administración Local. Gustaríanos facer un único fondo de xestión nese plan”.
Medidas para o sector lácteo
Durante a súa intervención, Feijóo aseverou que o sector primario ocupou unha parte importante da conversa mantida coa presidenta de Deputación de Lugo. “Falamos do sector lácteo e deille conta tanto das decisións que tomamos nos últimos anos, como as que queremos poñer en marcha”, dixo.
Sobre este último aspecto, o responsable do Executivo galego anticipou á presidenta da deputación a decisión de axilizar os fondos da PAC, “que será unha inxección de forma inmediata de 20 millóns de euros”; de establecer convenios coas entidades financeiras para que haxa préstamos máis vantaxosos para o sector lácteo; da posta a disposición do rural de 500 millóns ata 2020 ao abeiro do Plan de Desenvolvemento Rural; do fomento do consumo de leite con calidade diferenciada e de establecer un Plan estratéxico para o sector.
Así mesmo, destacou o compromiso de investir 148 millóns de euros no sector lácteo neste 2015: “A maioría dese diñeiro –explicou- está desembolsado ou en tramitación e, ao final de ano totalizaremos aproximadamente 150 millóns dedicados exclusivamente ao sector”.
Tanto o titular da Xunta como Candia consideraron ademais preciso reforzar a colaboración no que se refire ao impulso dos proxectos do sector primario, tanto no sector agrario como no marítimo, a través dunha interlocución máis intensa co instituto de promoción económica da Deputación, o Inludes. “E, tamén analizamos a próxima reedición do Plan de mellora dos camiños rurais, que xa supuxo unha inxección de 7 millóns entre 2014 e 2015, e que renovaremos para o período 2016-2017 pola súa importancia na ampliación na mellora e no mantemento dos camiños rurais.
Afondar na colaboración no eido das novas tecnoloxías e no turismo
Xunta e Deputación seguirán tamén afondando na colaboración no eido das novas tecnoloxías. E, neste apartado, Feijóo referiuse á plataforma de interoperabilidade Pasaxe, que busca que paulatinamente os datos e os documentos que operan en poder da Xunta poidan ser accesibles polas administracións locais, e viceversa, para que os cidadáns non teñan que estar entregando os mesmos papeis nos distintos trámites coas administracións.
No tocante ao sector turístico e en relación aos Camiños do Norte -recentemente declarados Patrimonio Mundial-, Feijóo trasladou á presidenta as medidas aprobadas desde a Xunta, tanto para adecuar as rutas, reforzar a oferta de albergues e mellorar os servizos aos peregrinos, como para incrementar a coordinación con outras administracións, incluída a Deputación de Lugo. “E tamén coincidimos na necesidade de seguir da man para lograr que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade”, engadiu, por outra banda.
Dúas infraestruturas que vertebran a provincia de norte a sur
En materia de comunicacións, Feijóo referiuse ás dúas infraestruturas que vertebran a provincia de norte a sur: “A vía de alta capacidade, o corredor entre Lugo-Sarria, xa finalizado, e agora Sarria-Monforte, co obxectivo de finalizado a finais de 2015 ou nos primeiros meses de 2016. E o eixo Celeiro-San Cibrao cuxo obxectivo é finalizalo en 2016”.
O responsable autonómico incidiu en que a interlocución coas deputacións é fundamental, especialmente pola importancia que o seu labor ten para os concellos máis pequenos. E, neste senso, ambos os dous mandatarios consideraron que o protocolo asinado en 2012,-entre a Xunta e as catro deputacións, para reforzar a coordinación é unha boa base para poder seguir colaborando e para seguir traballando polos cidadáns de xeito máis eficiente e con menores duplicidades.
A este respecto, o titular da Xunta trasladou o interese do Goberno galego de que no mes de setembro “poidamos reunir á comisión de seguimento dese protocolo para poder determinar ámbitos prioritarios e un calendario de actuacións concretas”.
“En definitiva, unha colaboración no ámbito social, no sector primario, das tecnoloxías, no ámbito do turismo e das infraestruturas”, dixo a modo de resumo, agradecendo o interese da Deputación de Lugo “para traballar conxuntamente, buscando tamén esa discriminación positiva que imos seguir mantendo coa provincia, tanto nos plans industriais como nos prezos do solo, co Plan Impulsa e co polo aeronáutico de Rozas”.