A Mariña, 16 de xullo de 2015. O BNG mariñao reclama a suspensión da decisión tomada pola DGT de trasladar a Lugo os exames teóricos de conducir que se viñan facendo na comarca dende hai décadas. A portavoz comarcal nacionalista, Ana Ermida, anunciou o rexeitamento frontal do BNG a esta decisión e a disposición da organización a sumarse ás iniciativas, sexan institucionais ou sociais, que teñan como fin o mantemento ou mellora deste servizo na comarca e en concreto na vila de Foz. Desde a formación nacionalista anunciaron que levarán o problema ao Congreso para pedir explicacións e a paralización da medida que de momento xa afecta a varias comarcas galegas.
Para a formación nacionalista esta medida vai na liña das tomadas polos gobernos galego e estatal de centralizar servizos nas capitais de provincia, desmantelando estruturas e servizos comarcais que se afastan da xente sen pensar nas consecuencias, poñen por diante o ideoloxismo centralizador do PP e non a calidade de vida das persoas con servizos próximos á súa residencia. Ana Ermida puxo como exemplos desta política a centralización provincial de servizos como o de facenda, xudicial, sanitario e mesmo a reforma da administración local que rouba servizos aos concellos para darllos ás deputacións provinciais.
O BNG mariñao rexeita de maneira frontal esta medida polo que se vai sumar a todas as iniciativas que xurdan, ben non campo institucional ou social, para reclamar da DGT a paralización desta medida e mesmo a mellora do servizo na comarca dispoñendo un servizo de exames informatizado como teñen na capital provincial que está servindo de escusa a algún directivo da DGT para suspender o servizo en varias comarcas galegas.
Ana Ermida cualificou de insultante que a DGT obrigue a mariñás e mariñaos a desprazarse mais de 100 quilómetros da comarca para facer este trámite coas dificultades en gastos e tempo que isto trae consigo, ao tempo que que o mesmo organismo aplica políticas recadatorias como solución aos problemas de cortes por néboa no tramo do Fiouco da A8, mentres o Ministerio de Fomento segue adiando solucións definitivas para esta autovía e as outras estradas convencionais da súa competencia continúan nun estado lamentábel sen que as anunciadas melloras se poñan en práctica.