Burela, 22 de xullo de 2015.- O alcalde, Alfredo Llano, anunciou que o Concello e Costas instalarán un monolito nunha das penas de Cabo Burela para render homenaxe aos mariñeiros que empregaron durante moitos anos ese punto para chegar a bo porto. Llano visitou hoxe o lugar acompañado por varios membros da asociación A Moncloa.
O rexedor explicou que “fixemos unha excursión ata unhas penas de Cabo Burela. Fomos coa asociación A Moncloa, con mariñeiros que agora mesmo xa están xubilados, pero que saben moito do mar. Como aquilo é un lugar emblemático, de referencia para os mariñeiros de Burela fomos hoxe ata alí cunha misión que non é nin máis nin menos que decidir un punto desas penas, un lugar onde situaremos un monolito no que se indicará a latitude e a lonxitude dese Cabo Burela e tamén colocaremos unha rosa dos ventos na parte superior dese monolito e indicarase o nome dese punto”.
Alfredo Llano dixo que “se fai así porque é unha demanda destes mariñeiros, e para darlle valor a esa pena que no seu momento foi unha referencia clara antes de existir o faro, tomábano como referencia de chegada ao porto de Burela e entón tíñano e téñeno en moita estima. Faláronnos das súas vivencias cando eran pescadores e tamén dunha cova que pasa por debaixo dese Cabo Burela, que ten unha importancia moi singular dado que moitos deles entraron nela. Comentáronnos que ata empregan candís de carburo para chegar a un punto desa cova e que cando se lles apaga retrocedían, pero sospeitase que chegaba ata o que hoxe é Ecesa e que ás veces sentíase como o mar estaba debaixo dese lugar”.
O alcalde lembrou que “o outro día tiven oportunidade de falar co xefe provincial de Costas e propúxenlles este proxecto, que era reclamado polos mariñeiros. Mostráronse de acordo e supoño que ao longo do mes de agosto a obra estará lista. Os mariñeiros quedaron en indicarme claramente os datos para marcar nese monolito. E imos ver incluso se podería estar iluminado polas noites. Será unha referencia, ademais como está moi cerca do paseo marítimo da Marosa poderá ser visitado mais facilmente. É unha homenaxe a todos os mariñeiros de Burela que empregaban esa referencia para chegar a bo porto”.