No inicio do curso lectivo 2014-2015, o Concello de Viveiro asinou un convenio de colaboración coa empresa ARRIVA co obxectivo de ofrecer un servizo de transporte máis eficiente e de menor custo para os veciños deste municipio que se desprazan a Xove, San Cibrao, Burela Lugo, A Coruña e Santiago para realizar os seus estudos.
Ao abeiro deste convenio, durante o curso lectivo que vén de rematar, establecéronse buses directos que ían dende Viveiro cara a Lugo, A Coruña e Santiago os domingos ou fin de ponte en tempada escolar e que viñan dende esas cidades ata Viveiro os venres, acurtándose significativamente a duración das viaxes.
Na mesma liña, funcionou un servizo de transporte a Xove, San Cibrao e Burela, que podían empregar os estudantes que cursan estudos de Formación Profesional nalgún centro deses municipios.
Ademais das xestións realizadas para mellorar a calidade do servizo, o Concello asumiu un importante compromiso económico financiando a metade do importe de cada viaxe e, deste xeito, o prezo final a aboar por parte dos usuarios viuse reducido de forma considerable.
Cómpre destacar, así mesmo, a elevada demanda deste servizo, do que se beneficiaron 92 estudantes. Destes 92 usuarios, 48 desprazáronse a Santiago; 31, á Coruña; 7, a Lugo; 2, a Burela; 3, a San Cibrao; e 1, a Xove.
Cunha vontade clara de continuar promovendo medidas de apoio á mocidade e á educación, este servizo manterase durante o vindeiro curso 2015–2016. Os estudantes xa inscritos só deben entregar na Oficina Municipal de Información Xuvenil unha copia da matrícula e os de novo ingreso deben presentar 1 foto, fotocopia do D.N.I. e fotocopia da matrícula dos estudos que van cursar. A tramitación iniciarase a primeira semana de setembro para facilitar a incorporación ás cidades de destino.
María Loureiro