Cervo, 9 de xullo de 2015.- O goberno municipal de Cervo quere saír ao paso das críticas do PSOE local respecto do suposto estado de abandono que, segundo din os socialistas, presentan algúns espazos como o paseo marítimo de San Cibrao ou a área recreativa da Atalaia.
“Amosamos a nosa estrañeza ante tan desafortunados e lamentables comentarios, ao tempo que criticamos dita actitude de profunda deslealdade cara o Concello de Cervo e o conxunto de veciños, por canto aproveitan a chegada do verán para dedicarse a criticar publicamente na prensa o suposto estado de abandono de ditos espazos públicos sen ter presentado previamente escrito algún ou petición diante do Concello e sen ter feito ningún tipo de advertencia, nin sequera de xeito verbal, respecto de dita cuestión”, explican dende o goberno local cervense.
Os responsables do Concello de Cervo engaden que “polo que se ve, aos socialistas de Cervo o único que lles importa é a crítica irresponsable e desleal cando chega o verán e non que se solucionen os problemas ou deficiencias que poidan observar no Concello de Cervo. Todo lles vale con tal de atacar e prexudicar a imaxe e os intereses turísticos do municipio e dos seus veciños, se con elo poden ter unha mínima oportunidade de poder facer unha crítica, aínda que sexa totalmente inxusta e irresponsable. Por todo elo nos pode estrañar que pretendan tirar rédito político aproveitándose da realización de actos vandálicos con rotura de bancos de pedra e mobiliario urbano na área da Atalaia, de San Cibrao, que mesturen dita cuestión -puramente coyuntural e de carácter menor ou anecdótica- coa recuperación da bandeira azul para a Praia de O Torno ou co desenvolvemento e a promoción turística do Concello de Cervo”.
Dende o equipo de goberno do PP no Concello de Cervo lembran aos socialistas cervenses que “tanto os recursos económicos como os medios técnicos e humanos cos que conta o Concello son de carácter limitado; por elo desexamos destacar máis, se cabe, a inxente labor que están a facer os operarios municipais, o que sen dúbida, contrasta coa facilidade de crítica fácil e irresponsable que amosan os socialistas. Por outra banda lembrámoslles tamén aos socialistas que a credibilidade e o respecto é algo que se gaña día a día con traballo, rigor e seriedade, e non saíndo na prensa para criticar por criticar. Neste senso os veciños de Cervo xa tomaron boa nota nas pasadas eleccións municipais, sen dúbida porque xa daquela botaron en falta a actual celeridade crítica que agora amosan os socialistas cando nada dixeron por aquel entón respecto do recorte do proxecto de saneamento para San Cibrao (máis de dous millóns de euros e sen emisario na planta depuradora de Cuiña) que impediu durante anos poder seguir contando coa bandeira azul nos nosos areais, ou cando nin sequera levantaron a voz diante dunha multa insólita da Deputación Provincial de Lugo bipartita ao Concello de Cervo e en definitiva a todos os veciños; ou diante da prolongada falta de investimentos da Deputación de Lugo no noso concello durante os últimos anos ou mesmo, diante da sistemática desatención e coidado das estradas da Deputación no concello de Cervo”.
Non obstante dende o equipo de goberno do Concello de Cervo “queremos deixar constancia e tomar nota deste feito puntual, para salientar a nosa satisfacción porque a única crítica que poidan facer dende as filas socialistas á xestión municipal sexa a de que no noso concello, ao igual que acontece noutros moitos concellos veciños, tamén se producen actos de vandalismo que afectan aos espazos e bens públicos, o cal é a proba máis evidente de que, con carácter xeral, moi ben se deben estar a facer as cousas no conxunto do noso concello”.