San Cibrao, 22 de xullo de 2015.- O próximo venres 24 de Xullo, ás 19:30 horas, Yago Abilleira Crespo, presentará no Museo Provincial do Mar de San Cibrao o libro Naufragios en las costas gallegas do que é autor Ramón Patiño e no que el participa como colaborador único.
Yago Abilleira é un gran aficionado á Historia Naval e ó submarinismo, e como mergullador, colaborou en varias campañas de Arqueoloxía Submarina (Ribadeo, Burela, Xove, Viveiro, Fisterra…). Autor do libro “Los galeones de Vigo” e de varios artigos sobre naufraxios e o seu mergullo. É membro da Real Liga Naval Española, institución que o condecorou coa Medalla ó Mérito Cultural.
“Naufragios en las costas gallegas” é una revisión e actualización do catálogo de xacementos arqueolóxicos submarinos publicado no ano 2002 que recollía parte do ficheiro da catalogación efectuada polo grupo de arqueoloxía “Alfredo García Alén”.
Aquela recollida de informacións de pescadores submarinos e buceadores amplíase cos resultados da busca en arquivos e documentación da época que, por un lado, proporciona nova información e, por outro, confirma cos documentos á aportada polos buceadores.
Dende a fronteira portuguesa ata Ribadeo, vaise amosando que ocultan os fondos mariños galegos. Abrangue dende a Antigüidade ata 1820 (aprox.), recollendo deste xeito á época da navegación a vela.
Así pois, mentres se recordan feitos xa esquecidos, veremos como naufragaron naos, galeóns, navíos, galeazas, bergantíns, fragatas,… debido a borrascas, combates, accidentes ou afundimentos provocados pola súa propia tripulación.
De algúns deles atopáronse os seus restos, pero moitos aínda seguen perdidos.