A Bomboneira presentaba este xoves pola tarde-noite o proxecto do CD Burela FS Pescados Rubén para 2015-16. O show do locutor de Cadena SER e speaker do CB Breogán, José Areñas, conduciu o acto no que se deron a coñecer os equipos de Primeira División LNFS e RFEF, así como as categorías de base Cadete, Xuvenil e Filial Feminino e Masculino, que comezarán xa o traballo do novo exercicio nos próximos días.
Tras a inauguración oficial da Historia en Imaxes da entidade burelista que lucirá na bancada oeste de Vista Alegre para a posteridade, a presentación das Xoias Laranxas serviu de antesala para a proxección do spot promocional 2015-16 E ti? Estás preparad@ para a Batalla?. Xogadores, xogadoras e corpos técnicos de Primeira División saltaron á pista ante a sempre incondicional Marea Laranxa para agradecer o seu apoio e co propósito de recompensala co que mellor sabe facer, ofrecer o mellor espectáculo con esforzo, sacrificio e ilusión para que Vista Alegre e o Burela FS Pescados Rubén volvan dar un ano máis tardes de gloria.
Axenda de amigables
O cadro de Daniel Ibañes estrearase sobre a pista o vindeiro, martes, 18 de agosto, nun triangular cruzando o Eo, en Luarca, con Boal, de Segunda B, e unha selección de Occidente de Asturias (20.30 horas). A Fonsagrada será o seguinte destino, o sábado 22 (18.30 horas), fronte ao Noia, de Segunda B. Vista Alegre lucirá as súas mellores galas a finais de mes, cun cuadrangular o venres 28 e sábado 29 (18.00 e 20.15 horas), no que participarán Santiago Futsal e Palma Futsal, xunto a Cidade de Narón, de Segunda. Os mariñáns despedirán a pretempada na casa, coa visita de Prone Lugo, o sábado 5 de setembro, en vésperas do encontro na bomboneira da Supercopa de España (13.00 horas) de Primeira RFEF, entre o Burela FS e o Atlético de Madrid Navalcarnero. Antes do duelo coas actuais campioas de Liga e Copa de España, o equipo de Lucas xa ten pechado amigable na pista do Poio Pescamar, o vindeiro mércores, 19 de agosto, ás 20.00 horas.