O XII Torneo Internacional de volei praia “Praia da Pasada” (Barreiros) celébrase este mércores 19 de agosto a partir das 12.00 horas para culminar, como cada ano, cunha fraternal churrascada á que poderán asistir participantes e acompañantes.
Nesta edición as parellas tratarán de bater ós vixentes campións, a parella formada pola hispano-polaca Paloma Remior e o local Roberto Casas, que a bo seguro será un ano máis unha das grandes sensacións da xornada. Ademais dalgunhas xa clásicas parellas (Lacasta-Lacasta) este ano poderemos presenciar as evolucións do xogador que a día de hoxe ocupa o número 27 do ranking galego de volei praia, Guillermo Avendaño, que a bo seguro tratará, xunto coa súa compañeira Mireia Oteros, de resarcirse da derrota, non exenta de polémica, da pasada edición.
Nesta ocasión, está previsto que a xornada culmine cun partido de exhibición, no que participarán algúns míticos ex xogadores, como o que foi xogador máis laureado da Mariña, Javier Reigosa, recentemente retirado da práctica deste deporte.
Convídase a todas as interesadas/os en participar a persoarse no areal barreirense da Pasada, este mércores 19 ás 11.30 horas, para formalizar a inscrición, ou ben se dirixan ao número 675 407 810.