Foz, 4 de agosto de 2015.- As Xornadas de Historia Local de Foz, organizadas pola A.C. A Pomba do Arco, continúan este mércores día 5 cunha charla sobre os 75 anos do Martínez Otero, impartida por Antón Niñe, Ramón Eiras e Alexandra Eiras, todos eles exalumnos do colexio. Será ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Foz.
O traballo no que se basea a charla concebiuse para ser escrito e publicado en forma de libro, co gallo do 75 Aniversario e como recoñecemento ás persoas e institucións que fixeron e fan posible o fermoso proxecto que segue sendo o Martínez Otero.
Os autores
A división e reparto do traballo en tres etapas obedece a criterios previos de investigación e a motivacións persoais. Cada un afronta a súa parte expositiva dacordo a razoamentos propios:
-Antón Niñe. Etapa dos HH Menesianos e Mestres: Xa a tiña estudada e foi alumno na fase final. Exposición en liña clásica de redacción histórica.
-Ramón Eiras. Periodo dos PP Maristas, como alumno que foi deles en Foz e Salamanca, compañeiro e profesor. En homenaxe á súa nai recentemente falecida e ós traballadores do servizo, narración autobiográfica e en primeira persoa.
-Alexandra Eiras. Exalumna dos Salesianos. Por razóns profesionais escolleu o xénero periodístico, en concreto, a crónica.
Resumo dos contidos
A fundación benéfico-docente Martínez Otero baséase xurídicamente no testamento de Pilar Otero de 1925 que otorgaba os bens dos esposos Eliseo Martínez e Pilar Otero (sen descendencia) para a fin principal de crear un colexio para nenos.
Durante os anos 30 os albaceas adícanse a cumplimentar as cláusulas do testamento, tendo que sortear numerosos problemas. En 1939 conseguen que os HH Menesianos se fagan cargo da obra.
Esta etapa iníciase en 1939 e remata en 1964. Construiron un novo edificio e pecharon a propiedade actual, denominándoo como Colexio Sagrado Corazón. Estudaban alumnos internos e externos. Regularizaron as actividades lectivas ofrecendo unha base académica seria e realizando actividades culturais, relixiosas e deportivas (tiveron moito que ver na creación do CD Foz).
Unha serie de irregularidades na xestión económica e o mal ambiente creado na vila, puxeron fin á súa estancia en Foz.
Ó marchar os Menesianos, o Patronato atopou provisionalmente un sustituto na administración do Colexio, mentres se negociaba con varias congregacións relixiosas. Foi así que, durante dous cursos, D. Manuel Crespo “Motorín”, fíxose cargo do Colexio cun grupo de mestres encabezados por D. Fernando González.
No segundo ano dos mestres chégase a un preacordo cos Maristas que envían a modo de “ad experimentum”, ó P. Agapito Díez como observador e novo director do Colexio. A experiencia foi positiva e a congregación acepta.
Os PP. Maristas fanse cargo do Colexio desde o ano 1966 ata o 1991. Vivindo solidariamente coa comunidade focega e dacordo coas transformacións da época, tanto no Estado español coma na Mariña en particular, fixeron deste tempo unha etapa de grandes logros e cambios, adquirindo o recinto a estructura actual: edificios, instalacións, patios e pavillón de deportes. Do seu mestrazgo e valores transmitidos, sairon as primeiras xeracións con acceso á Universidade. Das súas instalacións naceron clubs deportivos, asociacións culturais, grupos musicais, publicacións e persoas en todas as profesións.
Pasouse da sotana ós vaqueiros. Do latín ás linguas vulgares e dun mundo en branco e negro rexido polo temor e o castigo a unha mensaxe de amor e tolerancia. Os Maristas deixaron un Colexio saneado, de prestixio e con máis de 500 alumnos.
Do 1991 ó 2012, a Congregación Salesiana faise cargo do Colexio, organizando a institución segundo as novas esixencias, introducindo a ESO e outra serie de reformas, espallando a pedagoxía do seu fundador San Xoán Bosco.
Un profesorado maioritariamente de antigos alumnos, formado na Universidade e que recolle todo o positivo das etapas anteriores faise cargo do Colexio Martínez Otero no 2012 ata hoxe.