Foz, 3 de agosto de 2015.- O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, destaca o avance na construción de beirarrúas na estrada LU-162 ao seu paso pola parroquia de Cangas de Foz, obra que o rexedor municipal visitou xunto coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez.
“O equipo de goberno do Concello de Foz quere agradecerlle á conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, a súa visita ás obras que está a realizar o seu departamento en Cangas, concretamente a segunda fase das beirarrúas. É un compromiso que tiña esta consellería con este Concello e son obras que teñen un prazo de execución de dous meses, que remata a finais deste mes de agosto. O estado da obra é bastante avanzado, pois están xa practicamente cos remates de colocación de plaqueta nunha das marxes e na outra van un pouco máis retrasados pero, segundo nos informou o contratista, van cumprir o prazo de entrega. Polo tanto estamos contentos porque é un compromiso máis cumprido por parte desta consellería cos veciños de Cangas”, explicou Javier Castiñeira.
O alcalde focense comentou tamén que se trata “dunha travesía con moita circulación de coches, que tiña unha perigosidade bastante grande para o tránsito de peóns. Coa primeira fase das beirarrúas xa se corrixiu unha parte importante e agora con esta segunda teremos practicamente o obxectivo cumprido, pero que da a terceira fase para próximas anualidades, tal e como nos comprometemos coa propia conselleira. Polo tanto estamos todos contentos, porque esta vía necesítao, xa que ten moito tráfico pois une as localidades de Ferreira do Valadouro, Alfoz e incluso Mondoñedo non só co concello de Foz senón tamén con Burela. Por iso esta obra era moi necesaria e mesmo no día de hoxe tamén puidemos percibir a cantidade de tráfico que ten esta vía”.
Castiñeira rematou agradecendo tamén “aos deputados José Manuel Balseiro e Vidal Martínez-Sierra, que en todo momento estiveron pendentes de que esta obra se adxudicara, se contratara para conseguir o obxectivo final, que estea feita antes do remate do verán”