Cervo, 4 de agosto de 2015.- O BNG – ASEMBLEAS ABERTAS en Cervo segue agardando polas explicacións do goberno municipal solicitadas en reiteradas ocasións no último pleno municipal para entender o cuantioso suplemento de crédito por importe de 315.000 euros aprobado en solitario polo Partido Popular. A formación nacionalista volve reclamar as explicacións negadas e considera que o goberno local busca ocultar que o fondo deste gasto extraordinario está na falta de planificación dos orzamentos 2015 e no uso sospeitosamente electoralista do orzamento municipal.
O BNG – AA en Cervo volve pedir ao goberno municipal explicacións sobre o exceso de gasto executado con cargo ao orzamento 2015 que o leva a tramitar un suplemento de crédito de tal dimensión que mesmo supera en 5.000 euros as previsións existentes en investimento real para todo o exercizo. Tamén piden aclaracións sobre a modificación de partidas económicas incluída noutro punto do mesmo pleno por importe de 35.000 euros que supón a diminución no gasto previsto en amortización de xuros e préstamos para pasar a engrosar a partida de gastos diversos que xa era voluminosa e contaba con 104.000 euros no orzamento 2015 e serve ao goberno local para usos diversos sen destino concreto.
A formación nacionalista tampouco se explica como se incrementa nun 50% a partida para becas FEUGA cando en 2014 sobraron cartos, o incremento de gasto en material ordinario non inventariábel que sobe un 138% ou o incremento dun 47% para traballos realizados por outras empresas.
Desde BNG – ASEMBLEAS ABERTAS teñen claro que o goberno local oculta datos sobre o exceso de gasto planificado nos orzamentos 2015 por razóns que deberan explicar mais levan a sospeitar que boa parte deste exceso ven motivado polo uso indiscriminado de fondos públicos para usos electorais nun ano onde xa se produciron unhas eleccións e están previstas outras no segundo semestre do ano. Por outra banda é evidente que na redacción dos orzamentos 2015 existiu mala planificación do gasto como demostran os cuantiosos incrementos en determinados conceptos opacos como “outros gastos diversos”, “material ordinario non inventariábel” ou “traballos realizados por outras empresas” que son caixóns de xastre onde colle todo.