A CIG asegura que “a multinacional deixa de realizar unhas análises para a detección precoz do cancro de vexiga á maior parte dos traballadores que están expostos aos gases de brea recoñecendo que o fai por motivos económicos, mentres tira os cartos nunha festa coma a semana da seguridade”.
“Parécenos un acto de cinismo que se gasten cartos en publicidade, pois mesmo se trae un helicóptero do servizo de garda costas a facer unha exhibición, mentres por outro lado se pon en perigo a saúde dos traballadores”, aseguran dende a sección sindical da CIG- Alúmina Aluminio, ALCOA.
Igualmente, a CIG quere tamén denunciar que “a xefa dos servizos médicos de Alcoa en España faltou á verdade diante do xefe da inspección de traballo na visita que este realizou como consecuencia da denuncia da CIG. A responsable, logo de explicar que o perigo dos gases de brea non era o cancro de vexiga se non o de pel, afirmou que para prevelo se lles contaban e facía un seguimento dos lunares aos traballadores no recoñecemento médico anual”.
Pola contra, a práctica totalidade dos afectados manifestaron por escrito que isto non era certo, que “en ningún momento Alcoa a traveso do seu servizo médico, nin de ningún outro, contara o seu número de lunares, nin rexistrara os mesmos, nin tampouco realizara seguimento algún do seu tamaño, aparencia, ou calquera outra cualidade”. O escrito xa foi remitido á inspección de traballo que “esperamos o teña en conta”.
Por último, sinalan que “nesa mesma visita o señor inspector tivo que cominar á Empresa para que dotase a estes traballadores dun chuvasqueiro para as tarefas que realizan á intemperie. Prenda da que xa dispoñía a xefatura do departamento cando este persoal traballa a cuberto dentro das oficinas; pero que, ata a data, se negaban repetidamente a entregar aos operarios de campo pese aos requirimentos da CIG”.