Lugo, 2 de setembro de 2015.- A Deputación pon en marcha unha campaña de captación de ideas dos cidadáns e das asociacións para potenciar Lugo como destino turístico. “Queremos que os lucenses podan participar na promoción turística da nosa provincia”, asegurou a presidenta da institución, Elena Candia, durante a visita que fixo este mércores á área recreativa Os Chacotes, en Palas de Rei.
O organismo provincial habilitou como canle de comunicación a dirección de correo electrónico buzon.turismo@deputacionlugo.org para que os que o desexen podan “achegarnos as súas ideas, queixas, suxestións, posibilidades de mellora…á hora do deseño estratéxico de Lugo como destino turístico”, explica.
Esta campaña darase a coñecer a través dos medios de comunicación; a maiores de que se colgará un banner na páxina web e nas redes sociais. Facilitarase aos cidadáns un cuestionario para que “nos acheguen a súas suxestións e podamos, deste xeito, facer partícipes á poboación”, concreta.
A maiores, a presidenta da Deputación engade que as asociacións e entidades vencelladas a ese sector e interesadas en participar “poderán solicitar unha reunión cos técnicos do departamento de Turismo, para que coas súas ideas colaboren na promoción turística de Lugo. Estamos ante un deseño turístico participativo”.
Esta campaña estará activa de xeito continuo e con permanencia no tempo xa que a idea é a de que “exista esta canle de comunicación cos veciños”, a maiores de que as propostas que “nos vaian chegando tamén se terán en conta para estudar a súa inclusión no Plan Estratéxico de Turismo 2015/2016, que estamos a preparar dende a Deputación”.
Esta campaña desenvólvese baixo o lema Ti formas parte do Destino de Lugo, Ti es Lugo! e nace con varios obxectivos, entre eles, a interacción coa poboación lucense e a sensibilización e compromiso da poboación co turismo de Lugo. Polo tanto, Candia anima a todos os cidadáns a presentar suxestións, queixas o ideas para contribuír no deseño do destino turístico da provincia.
Forte compromiso co Camiño de Santiago
O compromiso da Deputación co turismo tamén pasa por unha forte aposta polo Camiño de Santiago e, neste senso, a presidenta da Deputación recordou os pasos que se están a dar para acometer melloras nas estradas provinciais polas que transcorre o Camiño e dirixidas a garantir a seguridade dos peregrinos.
Candia explicou o primeiro proxecto que se está a sacar adiante, cun orzamento de 31.803,07 euros, no que se atenden a aqueles tramos de estradas provinciais utilizados usualmente por peregrinos e “nos que se detectou un maior risco de accidentalidade. Estas son as primeiras actuacións e existen outras estradas de idéntica perigosidade, que serán obxecto de futuros acometidos”.
As medidas que se adoptan son información e advertencia de que o usuario da vía se acerca ao risco existente para que poda modificar e adaptar con antelación a súa condución ante a presenza de peregrinos, limitación da velocidade de circulación e colocación de dispositivos redutores de velocidade en aqueles puntos onde os peregrinos crucen a estrada.
Os primeiros tramos de actuación do proxecto están na LU-P-2101, de Friol a Parga, na LU-P-2113, da CP 2101 a Miraz, no termo de Friol, e na LU-P-2901, da LU-232 polo Burgo a Vilamaior de Negral a Palas de Rei, con actuacións tanto en Lugo como en Guntín.