A Asociación Cultural A Pomba do Arco recupera a celebración da Festa da Palabra, actividade que nas súas orixes organizou esta entidade, como espazo de divulgación da creación literaria en conexión con outras disciplinas artísticas como a arte e a música e tamén como espello onde achegar as propostas que no plano da poesía se están a desenvolver no noso País.
A proposta que A Pomba do Arco achega para esta edición da Festa da Palabra recolle tres espectáculos poéticos musicais que se realizarán os días 23, 24 e 25 de Setembro na Sala de Exposicións do CENIMA e nos que participarán María Lado, Lucía Aldao, Laura Branco de la Barrera e Xavier Rodríguez Baixeras.
O mércores, 23 de setembro, ás 20:30 na Sala de Exposicións do CENIMA arranca a actividade co espectáculo literario, musical e humorístico “Aldaolado”, a cargo de María Lado e Lucia Aldao. Esta proposta que agora se presenta en Foz, con carácter pioneiro para o conxunto da Mariña, é unha parcería entre as dúas poetas, autoras, entre outros libros, de “Amantes”, “Oso, mamá, si?”,ou “Unha ducia máis un”.
O Xoves, 24 de setembro, ás 20:30 na Sala de Exposicións do CENIMA a quenda correspóndelle á poeta focega Laura Branco de la Barrera autora dunha orixinal e arriscada obra poética, parte da cal aparece recollida no até agora o seu único poemario publicado “Doenças dum espelho”. Laura Branco é unha das voces máis recoñecíbeis das novas poetas galegas e a súa presenza vai permitir coñecer a obra das novas autoras galegas.
O venres, 25 de setembro, ás 20:30 na Sala de Exposicións do CENIMA remataremos esta nova edición da “Festa da Palabra” cun recital dunha das voces máis coñecidas e recoñecidas da poesía galega, o mariñao Xavier Rodríguez Baixeras, que xa participou na primeira edición da “Festa da Palabra” alá polo 1989. Baixeras, parte destacada do que literariamente coñecemos como “Xeración dos 80”, é autor de máis dunha ducia de poemarios que mereceron numerosos premios sendo os lugares e o mar da mariña unha presenza constante na súa obra.
A Asociación Cultural A Pomba do Arco, xa por último, quere convidar a participar desta actividade aos veciños e as veciñas da Mariña, na convición de que as diversas propostas artísticas deben ter un lugar na actividade cultural pero tamén desde a certeza que son necesarias alternativas que posibiliten o achegamento da sociedade a formas de expresión que resultan excluídas das grandes canles de divulgación cultural.