Burela, 2 de setembro de 2015. Desde hoxe e ata o 11 de setembro está aberto o prazo de inscrición no programa Axilmente, destinado ás persoas maiores de 65 anos residentes en Burela e con preferencia para as/os empadroadas/os no concello, segundo informa a Concellería de Servizos Sociais.
O obradoiro, segundo explica Patricia Otero, dará comezo o 14 de setembro: “teremos dúas quendas os luns e mércores e os martes e xoves. Sempre no mesmo horario de 17 a 18:30 horas na Casa da Terceira Idade”.
A concelleira socialista explica que “se trata dun obradoiro de promoción da autonomía persoal, de carácter gratuíto, baseado na estimulación cognitiva e na prevención da dependencia, no que se pretenden traballar as variables que determinan o envellecemento exitoso, de forma que incidindo nelas, as persoas maiores adquiran as ferramentas necesarias para mellorar a súa calidade de vida, ser autónomas nas actividades da vida diaria e incorporar unha serie de hábitos de autocoidado, tanto no ámbito sanitario como no cognitivo”.
Patricia Otero sinala que “este obradoiro, de ximnasia mental, busca o tratamento da persoa maior como un todo no que se traballan as distintas áreas que son necesarias para manterse autónomo/a o maior tempo posible e diminuír os factores de risco de padecer certas enfermidades, sobre todo, o alzheimer o outras patoloxías neurodexenerativas. A intervención con maiores convértese non só nun obxectivo social, senón nunha inversión de futuro. O fin último é previr a dependencia e afrontar o envellecemento dende unha actitude positiva e aberta”.
As persoas interesadas en participar en Axilmente poden inscribirse na Casa do Concello de 8 a 15 horas. Deben acudir co DNI. Para calquera dúbida poden poñerse en contacto, no mencionado horario, chamando ao teléfono 982 58 06 09, ou ben persoalmente.