Manuel Arango Ron- O 24 de maio o Partido Popular de Lourenzá, coa Sra. Álvarez Chao á cabeza, acada un resultado histórico: en pouco máis de dous anos de goberno municipal perde máis de 300 votos, deixando ao partido ferido de morte.
Durante a campaña electoral xa se observaba que se ía producir o cambio en Lourenzá. Moitos veciños, despois de manifestar a súa condición de votantes populares, nos dicían que nesta ocasión ían votar pola candidatura socialista porque este municipio non se merecía unha alcaldesa como a Sra. Álvarez.
Un político, con sentido da responsabilidade, despois dun resultado como o acadado pola Sra. Álvarez o primeiro que fai, xa na mesma noite electoral é presentar a súa dimisión.
Pero non, a Sra. Álvarez, lonxe de dimitir, dando mostras dun delirio de grandeza digno de estudo, pensa que segue a gobernar. E cando, como resultado das regras democráticas, as súas propostas non son aprobadas, aparece nos medios de comunicación insultando e descualificando ao grupo de goberno do partido socialista.
Estamos nunha etapa política na que o descrédito das institucións públicas é alarmante.
A nosa obriga é, desde a humilde posición política que ocupamos, contribuír a volver a ilusionar aos cidadáns, facerlles ver que o noso traballo é útil e importante como servizo á sociedade.
Os grupos políticos temos o dereito e o deber de defender as nosas ideas, as nosas propostas. Temos o dereito de non estar de acordo cos demais. Pero tamén temos a obriga de ser ante todo, e por encima das ideas, demócratas.
A democracia, Sra. Álvarez, consiste en respectar as decisións das maiorías. Tamén, en escoitar as minorías e telas en conta.
A alcaldesa de Lourenzá aparece case a diario na prensa insultada pola voceira popular, caso único na Mariña e no resto da provincia.
Rocío López García é a alcaldesa de Lourenzá. É a alcaldesa de todos os laurentinos e laurentinas. Tamén de todos os que non pensan coma ela e de todos os que non votaron por ela. Entre outras cousas, porque nunca lle vai preguntar aos veciños por quen votaron.
A alcaldesa de Lourenzá merece o respecto institucional que lle corresponde por ser a máxima autoridade do municipio e a representante de todos os veciños e veciñas.
Unha das propostas que levaba o Partido Socialista no seu programa era a dun proxecto pedagóxico para achegar aos nenos e aos rapaces e rapazas a vida política municipal. Que a xente nova coñeza como funciona un concello e mesmo celebrar e participar nalgún pleno da corporación.
¿Pensa vostede, Sra. Álvarez, que as súas intervencións nos medios de comunicación, que terían que servir como material didáctico, son exemplo de boas maneiras democráticas e de exemplo para os rapaces?
O Grupo Municipal Socialista comprométese a non participar deste circo mediático.
O Partido Socialista acadou a maioría absoluta nas eleccións municipais, tamén un feito histórico, e con ela o mandato dos electores para que goberne nos próximos catro anos. Durante catro anos intentaremos cumprir co programa electoral e, se é posible, facer moito máis. Non nos faltan nin ganas, nin ilusión.
Para facelo, non lle caiba dúbida Sra. Álvarez, contaremos con toda a xente que queira aportar ideas e traballo. E estamos orgullosos e contentos de poder contar con xente de valía que desinteresadamente está colaborando con nós na preparación da Festa da Faba.
En canto a ser demócrata ou ditador, só lle vou dicir, Sra. Álvarez, que os socialistas non temos xenes fascistas, sempre loitamos contra eles… Repase a historia…
Eu son o voceiro do grupo municipal socialista e como tal vou seguir actuando. Nin son, nin teño ningún interese en ser alcalde, nin no sol nin na sombra. A alcaldesa de Lourenzá ten en conta en todo momento, como non pode ser doutra forma, a opinión de todos os concelleiros. Non parece o mesmo no seu grupo, que nin sequera votan no pleno de forma individual, xa que vostede é a que vota en nome do grupo. De feito, no último pleno, ante o seu retraso, o comentario do público asistente era o perdidos e nerviosos que estaban os concelleiros populares sen a súa xefa de filas.
E por último, falando de desidia e de mentira, recordarlle a voceira popular que presentou como elaborada por ela unha proposta de declaración institucional que está copiada integramente dunha declaración aprobada pola mesa do Congreso dos Deputados (Igual é que tamén a nomearon asesora do Congreso…).
Manuel Arango Ron, voceiro do grupo municipal socialista do Concello de Lourenzá.