Burela, 23 de setembro de 2015.- O alcalde, Alfredo Llano, mantivo un encontro cos responsables de Costas na provincia de Lugo para abordar algúns traballos a acometer no municipio.
O rexedor contou que “traballamos en varios puntos e un deles foi a mellora da iluminación no paseo marítimo da Marosa. A medida que se vaian fundindo ou fallando vamos substituílas por lámpadas LED. Son moitas as que hai que cambiar, pero vamos enviarlles un informe sobre as que é necesario substituír”.
Llano dixo que “tamén vamos prolongar a pasarela que hai para axudar ás persoas discapacitadas e aos maiores a baixar á praia de Ril cun alfombrado de tablilla, que vai ser instalado de cara ao próximo verán. No inverno non se vai poñer por razóns lóxicas, xa que podería ser estragado polos temporais. Outra cousa que tamén solicitamos e que se vai acometer é a pintura dun valado que hai nas praias do Cabaliño e do Portelo, que é bastante grande e serve para protexer e evitar que caia a xente para abaixo no paseo marítimo. Nós queremos substituír ese valado, pero como é bastante presuposto vamos procurar que se arranxe e se pinte gran parte dese valado e que se proceda ao seu mantemento”.
O alcalde burelés engadiu que “estivemos tamén no Cantiño, onde son necesarias dúas actuacións: unha delas é facer unha canalización de augas pluviais, porque a que hai actualmente é moi estreita para atender a demanda de evacuación de auga cando chove moito, polo que vamos facer unha nova canalización cunha sección maior para que evacúe ben; e na área recreativa do Cantiño, onde hai varias grellas e outras instalacións que fixo Costas hai anos, hai que tratar de recuperalas porque certamente este verán, como houbo moita xente, quedaron bastante deterioradas. Nesa mesma zona vamos instalar luz, por que non hai nesa área recreativa”.
Llano dixo que “en canto ao monolito en homenaxe ao pobo mariñeiro de Burela que se vai instalar no Cabo Burela, nel vai figurar unha lenda dese cabo e ademais unha rosa dos ventos e unha gravación coa latitude e a lonxitude exacta que lle corresponde ao lugar onde vai ser situado. Todo isto son compromisos que conseguimos de Costas e pouco a pouco iranse acometendo todas estas solicitudes nosas”.