A Mariña, 9 de setembro de 2015. O BNG mariñao expresou o seu apoio ao sector leiteiro galego protagonista desde dous meses de mobilizacións polo dereito a producir e traballar obtendo uns prezos que garantan a súa subsistencia. A organización nacionalista chama á poboación mariñá a sumarse ás mobilizacións convocadas polo sector e participar na manifestación que terá lugar este xoves 10 ás 12.00 con saída desde a Alameda de Compostela.
A formación nacionalista repartiu 800 dípticos informativos no mercado semanal e nos hipermercados Eroski e Lidl explicando a súa posición ante os graves problemas que afectan ao sector leiteiro galego en xeral e mariñao en particular. Afirman que na zona oriental da Mariña mais de 200 explotacións son crean dinamismo económico e ofrecen emprego a milleiros de persoas de maneira directa e indirecta polo que a comarca non se entendería sen un sector leiteiro forte e dinámico.
Xoán Antón Estúa, responsábel comarcal de organización, “acusou ao goberno galego de deixazón de funcións e de destruír ferramentas para o diálogo entre a administración, industria, distribución e produción” co desmantelamento da mesa do leite, ausencia de mediación entre industria e produción ante a caída dos prezos en orixe e a ameaza permanente da industria de non recoller o leite.
Desde o BNG reclámanse actuacións de urxencia con “medidas de intervención no mercado para a retirada dos eventuais excedentes, garantías para a recollida da totalidade do leite das explotacións a prezos mínimos que cubran os prezos de produción, persecución e sanción se fora o caso das prácticas de “dumping” nas grandes áreas de distribución. Garantías para o cumprimento dos contratos e dos acordos entre partes e favorecer a creación dun grupo lácteo galego de base cooperativa” que aposte pola produción de derivados lácteos para xerar emprego e maior nivel de rendas.
Segundo o portavoz nacionalista, o acordo do consello de ministros da UE do día sete de setembro non vai na liña das demandas do sector leiteiro, ofrece esmolas e non garante prezos que permitan a viabilidade do sector, afonda nas medidas neoliberais e confía nun tratado oculto como o TTIP que lonxe de mellorar a situación vaina empeorar gravemente.