Foz, 22 de setembro de 2015.- O Bloque Nacionalista Galego presentará unha moción no vindeiro Pleno na que demanda un paquete de medidas para a posta en valor dos areais do Concello de Foz. As concelleiras nacionalistas destacan que “as praias son un dos activos principais na oferta turística do noso Concello, aínda máis por carecer Foz dunha oferta desestacionalizada e de programas e accións complementares que permitan diversificar a oferta. Non podemos sentirnos satisfeitos disto, pero con máis motivo esta realidade obríganos a manter as nosas praias no mellor estado de uso e cunha oferta de servizos maior das que se veñen prestando até agora, algo que quedou en evidencia para residentes e visitantes no verán e que foi obxecto de múltiples críticas das que somos coñecedores todos en Foz, a comezar pola Alcaldía e o grupo de goberno”.
As nacionalistas denunciaron a situación de falta de seguridade na que se atoparon as praias focegas na tempada estival como consecuencia da redución do número de socorristas e tamén da rebaixa do horario de servizo destes, en relación con outros anos, así como de ter acurtado o período de prestación do servizo. O BNG solicita a realización dun curso de socorrismo en Foz, ben en solitario ben en colaboración con outros concellos da Mariña ou co ciclo de deportes do IES Monte Castelo, que implique un aumento das persoas habilitadas para prestar este servizo e por conseguinte que posibilite de cara ao ano que vén que este servizo sexa prestado nunhas condicións óptimas, algo que non aconteceu neste verán.
O BNG, atendendo á realidade da oferta turística de Foz pero tamén do dereito que temos as veciñas e os veciños deste Concello ao disfrute dos nosos recursos naturais, solicita que nas tempadas de outono, inverno e primavera se garanta o coidado, o mantemento e a limpeza das praias. “Non estamos descubrindo nada novo cando afirmamos que os nosos areais teñen vida ao longo de todo o ano para os residentes, ben sexa como espazo para a práctica deportiva, como lugar de lecer ou simplemente como sitio ao que acudir para pasear e relaxarse. Pero hai máis, a tempada turística en Foz xa non se limita ao verao como resultado do carácter residencial do noso turismo. Estes dous aspectos serían motivo suficiente para que o Concello se comprometa co seu coidado”, indican Rego e Seivane.
A iniciativa das nacionalistas focegas volve a insistir na vella reivindicación do BNG dunha solución para o acceso aos areais daquelas persoas con mobilidade reducida. “Non estamos diante dunha reivindicación nova, e por iso mesmo, cada día resulta máis sangrante comprobar as dificultades de acceso aos areais focegos daquelas persoas con mobilidade reducida. Urxe acometer as actuacións precisas para rematar coa situación de discriminación na que se atopan tantas persoas que queren acceder e disfrutar das praias de Foz. Non é tolerábel que unha administración pública coa súa pasividade nesta materia, aumente aínda máis a fenda entre uns cidadáns e outros. É hora de apostar por suprimir barreiras, para aumentar o benestar, para igualar pero tamén para contar cunhas infraestruturas turísticas axeitadas”, indican desde o BNG.