Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2015. O portavoz de pesca do BNG, Daniel Rodas insta ao Goberno galego a pórse de parte dos armadores, dos mariñeiros, dos frigoríficos e das comarcas galegas que viven da pesca na defensa da actividade pesqueira e na preservación do recurso, fletán negro.
Dende fai máis de 20 anos, explica o nacionalista, a UE mantén acordos con Canadá para a conservación dos recursos pesqueiros en Terranova a través do foro Nafo (Organización Internacional do Atlántico Noroeste). Co fin de preservar varias especies, NAFO acordou reducir moi drasticamente as capturas, en especial no fletán negro, sometido a un plan especial de recuperación dende o ano 2003 e que rematará no 2018. Este plan, consolidou unha estratexia de acoso e expulsión por parte de Canada que tivo o seu inicio no apresamento do Estai e que supuxo que a flota galega pasara de ser a descubridora desta especie e a desenvolver a súa actividade uns 30 arrastreiros a que na actualidade unicamente faenen uns 8 barcos galegos.
Dende entón, a flota que opera en NAFO está sometida a un férreo control. No ano 2013, o actual Goberno do partido popular, aprobou un Protocolo para o control dos desembarcos como si en vez de peixe desembarcaran droga: Dende entón é habitual que estes barcos sexan esperados no molle por dotacións de inspectores de Madrid, de Bruxelas e por patrullas da Garda Civil. O despropósito e o acoso é tal que estes “fedellos” mandados por Madrid chegan a abrir e inspeccionar e incluso impedir o desembarco dos “quiñóns”, na busca de especies non autorizadas. Un dereito histórico dos mariñeiros a poder levar algo de peixe para casa que representa unha cantidade ridícula da pesca. Esta actitude é tan afógante que as propias familias séntense denigradas por este comportamento totalmente desproporcionado e fora de lugar da Secretaría General del Mar.
E vergonzoso, afirma Rodas, “constatar, unha vez máis, a colaboración entusiástica de Madrid, de perseguir, e intentar estigmatizar de ilegais e depredadores a flota galega, cando todos sabemos que son a vangarda do modelo pesqueiro de todo mundo, a pesares das restricións leoninas a que os teñen sometidos normas como estas”.
O deputado nacionalista, denuncia que tamén encontramos novamente como o Goberno galego renuncia as súas competencias en pesca, na súa capacidade de influencia diante de Madrid, dado que toda a flota é galega, ou da denuncia diante de Bruxelas ante as actuacións de Canada cos continuos avisos que está a sufrir de abandono de zonas de pesca para que poidan realizarse prospeccións petrolíferas en puntos como o “Flemish Pass”, a uns 1.000 metros de profundidade, onde se concentran os maiores bancos de fletán negro.
Rodas denuncia que “a UE, o Goberno central e a Xunta calan mentres Canada autoriza e lidera a explotación de hidrocarburos, cando ata agora viña acosando a flota galega e reclamando a eliminación da actividade pesqueira aducindo que eran fondos sensibles pola abundancia de gorgonias, plumas de mar, etc”.
O BNG esixe do Goberno do señor Núñez Feijóo que impulse accións políticas para reclamar que se preserven estes fondos como reserva pesqueira e que a única actividade que se poida desenvolver sexa o aproveitamento dos seus recursos pesqueiros e non outros que poden enriquecer as grandes compañías pero acabarán con determinadas especies e con un modelo de aproveitamento tradicional que xera emprego e actividade económica en comarcas con dependencia da pesca como Vigo e O Morrazo.