Mondoñedo, 3 de setembro de 2015. O BNG local recorda que o Partido Popular cando entrou no goberno municipal anunciou, para mellorar a imaxe da cidade, un Plan de Limpeza do Casco Urbano.
Pasados xa dous meses desde o anuncio do Plan, e gastados máis de 8500 euros nunha empresa externa, o BNG fai balance e critica que o grupo de goberno non é capaz de xestionar, con medios propios ou externos, un servizo de limpeza acorde coas necesidades e as demandas da poboación.
O BNG lamenta que a poucos días de celebrarse as festas patronais a cidade presente un estado tan descoidado como o que ten actualmente, e pon exemplos de rúas, como Peña de Francia ou Lence Santar, ao lado do mercado de abastos, a rúa Pardo de Cela, que forma parte do Camiño Norte de Santiago e que está xusto antes de chegar á Praza da Catedral ou a Av. das San Lucas, están nun estado de abandono e cheas de suciedade. Ao mesmo tempo denuncian que a pouco de dar comezo o un novo curso escolar, nas inmediacións ao C.E.I.P Álvaro Cunqueiro e da Escola Infantil, as beirarrúas están totalmente descoidadas e cheas de vexetación herbácea.
Ademais da suciedade das rúas o Grupo Municipal do BNG ten constancia de queixas veciñais polo mal mantemento dos colectores de lixo, e non lle parece de recibo que veciños e veciñas así como calquera visitante que ven por estas datas a Mondoñedo teña que padecer o forte cheiro que desprenden.
Ao Grupo Municipal do BNG de Mondoñedo parécelle un feito moi grave que a cidade presente este aspecto cando pretende que o turismo sexa un piar importante na nosa economía, así que insta ao goberno local do Partido Popular a que corrixa todas estas deficiencias no servizo de limpeza, e recórdalle que non chega con anunciar plans de limpeza, os veciños e veciñas queremos resultados e ata o de agora estes resultados brillan pola súa ausencia.